Os traballos para adecentar os xardíns de Santa Clara avanzan de cara ás xornadas de portas abertas do 18 e 19 de decembro

261
As tarefas realizadas ao longo destes últimos días inclúen roza, sega, limpeza xeral dos xardíns e poda
Os visitantes que queiran coñecer as zonas verdes de Santa Clara poderán facelo seguindo un roteiro semi aberto, que lles permitirá coñecer zonas como o chamado bosque ou o claustro 

En apenas sete días, Santa Clara abrirá unha das súas portas para permitir a entrada de visitantes dun xeito público por vez primeira en sete séculos, o vindeiro fin de semana, os días 18 e 19 de decembro. Será un evento libre, que permitirá coñecer os xardíns e as hortas do lugar, amais do chamado bosque —con árbores froiteiras e carballos— e o claustro do convento.

Perante a idea de que as visitas poidan coñecer o lugar do mellor xeito posíbel, o Concello de Pontevedra realizou estes días —e continuará nos seguintes— un adecentamento destes espazos verdes. As actuacións inclúen a sega da herba máis alta, roza de fentos e outras plantas e a limpeza en xeral do recinto. Nese sentido, os traballadores xa foron retirando elementos como bolsas, plásticos ou outros elementos que caeron no recinto co tempo. Doutra banda, tamén se está a traballar na retirada de cascallos varios, como pezas de uralita rota e inútil ou semellantes.

Estes traballos, tal e como sinalou o edil de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, no inicio dos mesmos, teñen un custo de preto de 14.000 euros, e serán un dos primeiros pasos á hora de achegar Santa Clara a toda a veciñanza, ademais de posíbeis visitantes chegados de todo o país que teñan interese en entrar neste novo espazo patrimonial da cidade.

Desde o Concello lémbrase que non será preciso solicitar reserva de ningún tipo para acceder e gozar destas xornadas de portas abertas dos xardíns. Abondará con chegar e pasar pola porta de acceso, que contará con controladores para evitar aglomeracións de calquera tipo. O horario de apertura será ininterrompido, desde as 10 até as 18 horas. A entrada será de balde e para todas as idades, e estará situada na entrada de carros, a última porta da edificación seguindo a rúa Santa Clara dirección Cobián Roffignac.

Porén, si existe unha recomendación desde o Concello, que non é outra que o consello de acceder ao recinto cun tipo de calzado cómodo e mesmo pechado. A maioría da zona verde non conta con camiños como tal, e aínda que vaia ser creado un percorrido de ida e outro de volta que permitirá un fluxo constante de visitantes, o piso pode ser brando e de terra. Ademais, no caso dunha posíbel choiva, ou simplemente polo roce constante coa herba, é probábel acabar cos pés un chisco mollados.