Rearborízate dálles unha segunda vida ás árbores de Nadal naturais que estas Festas decoraron os fogares da Boa Vila

23
A iniciativa, promovida pola Concellaría de Montes dirixida por Alberto Oubiña, logrou replantar máis dunha quincena de piñeiros
De novo, o obxectivo principal era o de achegar a sensibilización e o coidado do medio natural até a veciñanza, amais de contribuír o desenvolvemento sostíbel da cidade

Rearborízate, unha iniciativa que buscaba alongar a vida das árbores de Nadal naturais que durante as últimas semanas encheron de vida e alegría os fogares da veciñanza pontevedresa, viviu esta mañá o seu derradeiro acto.

A Comunidade de Montes de Tomeza ofreceu á Concellaría de Montes xestionada por Alberto Oubiña unha parcela na que os donos das árbores puideron replantar os exemplares cos que conviviron durante o Nadal e así asegurarlles unha segunda vida en chan pontevedrés. Foron replantados máis de quince piñeiros.

«Rearborízate achega diversos elementos a toda a xente que participa: a sensibilización, e o coidado do medio, das árbores, amais da súa protección», explicou Oubiña, presente durante o acto de replantación que tivo un carácter familiar, ao seren as familias e as crianzas as principais protagonistas da xornada.

Nese sentido, algunhas familias participantes na edición pasada de Rearborízate puideron comprobar como a árbore coa que decoraran o seu fogar o ano pasado seguía viva, nese lugar no que lle deron unha segunda oportunidade de seguir medrando e vivindo, e aproveitaron para se tomar algunhas fotos con ela, ao comprobaren o éxito da replantación.

A Concellaría de Montes quixo aproveitar o Nadal para seguir fomentando o Efecto PO2, reducir a pegada ecolóxica de Pontevedra e contribuír ao desenvolvemento sostible da vida na cidade. Traballa paseniñamente co ánimo de que, pouco a pouco, os pontevedreses e pontevedresas vaian substituíndo as súas árbores artificiais por árbores naturais, e contribuír a recuperación dos montes, especialmente, do anel verde do concello.