Cemiterios activa o proxecto Voltar a terra en San Amaro

35
Esta mañá celebrouse a sinatura da acta de inicio das obras que consistirán na construción dunha estrutura para celebrar cerimonias, columbarios nos que depositar a furnas e unha pradaría na que esparexer as cinzas dos seres queridos.
A primeira fase ten un custe de máis de 458.000 euros e actúase nunha parcela de 5.800 metros cadrados.

A concelleira responsable de Cemiterios, Carme Fouces presidiu esta mañá a reunión que marcou o inicio da execución material do proxecto Voltar á terra, unha iniciativa municipal que busca a celebración de cerimonias de enterramento no cemiterio municipal de San Amaro e que suporá a súa ampliación.

O proxecto de Voltar á terra pretende dar resposta á crecente demanda de ter un lugar para esparexer as cinzas dos serres queridos e facer unha cerimonia civil de despedida dunha maneira digna e diferente. 

A proposta ideada por estudio arc+s arquitectura nunha parcela de 5.800 metros cadrados no cemiterio de San Amaro, parte da creación dunha gran pradaría para esparexer as cinzas, pero tamén da instalación de columbarios e sepulturas para furnas funerarias nas que se poidan colocar placas en lembranza dos mortos. Está previsto instalar 1.083 columbarios e sepulturas.

O conxunto laico irá acompañado dunha edificación na que se poderán celebrar cerimonias de despedida.

Ao tratarse dunha creación moi ambiciosa, actuarase por fases. No prazo de dúas semanas comezará a primeira que actuará sobre 2.500 m2 e que consistirá na creación do edificio de cerimonias funerarias destinado a distintos credos e mesmo a cerimonias laicas, o que converterá San Amaro nun dos primeiros cemiterios en contar cunha sala destas características.

Construiranse 312 columbarios de distinto tipo, tanto no chan como en estruturas verticais que conforman columnas, distribuídos do seguinte xeito: 

  • 88 de chan
  • 13 columnas de 4 columbarios
  • 20 columnas de 5 columbarios
  • 12 columnas de 6 columbarios

A edificación disporá de tres obras artísticas: un conxunto escultórico da autoría do escultor e ceramista Daniel Caxigueiro, un mural da autoría da artista plástica Amelia Palacios, e unha peza do escultor Jesús Valmaseda.

A obra foi adxudicada á empresa Acevi por 458.856,20 euros e un prazo de execución de 4 meses desde o inicio dos traballos.