O Concello lanza a iniciativa SON PO2, unha mistura de música e contornas sostíbeis como mostra da vangarda pontevedresa

117
Cinco propostas musicais forman parte deste proxecto: O Rabelo, Neeumatiko, Cora Velasco, Dani Gómez e Denova
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, lembra que agora «máis que nunca» é o momento por apostar polas artistas locais e a súa unión coa cidade

O Concello de Pontevedra vén de publicar hoxe o resultado da iniciativa SON PO2, un proxecto que logra mesturar música local, vídeo e modelo de cidade. Son cinco pezas audiovisuais que amosan a diversas artistas da cidade en contornas que gozan dunha alta calidade urbana.

SON PO2 ten un dobre obxectivo: dunha banda, poñer en valor eses espazos da cidade «que entre todos e todas fan que sexamos un exemplo de loita contra o cambio climático ou que a nosa cidade sexa un referente en cuestións medio ambientais e de mobilidade», sinala Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade. Ademais, cómpre tamén engadir, alén desa corrente medio ambiental, un traslado a outros eidos de actividade como é o caso da Cultura. «Debemos apostar, agora máis que nunca, pola cultura do quilómetro cero, é dicir, apostar polas artistas das que gozamos na nosa cidade», explica a edil.

Así, a mistura da música local coa dunha contorna sostíbel só poder un resultado de éxito, tal e como quedan recollen as pezas agora publicadas na canle oficial de YouTube do Concello de Pontevedra.

«Son unha serie de vídeos que deixa constancia de Pontevedra como unha cidade moderna, na vangarda e sostíbel, en todos os eidos e en todas as facetas que ofrecemos», comenta Gulías, que tamén agradeceu o traballo das coordinadoras do programa por levalo até bo porto.

As cinco propostas musicais escollidas para participar no proxecto foron: O Rabelo, Neeumatiko, Cora Velasco, Dani Gómez e Denova. É unha escolla ecléctica e de equilibrio artístico, que se move entre o pop, o rap e mesmo a lírica recitada ou a base electrónica. Dalgún xeito tamén resume a esencia musical da cidade, adaptábel e diversa, con talento de seu.