O Concello e a Escola de Arquitectura de A Coruña estreitan lazos de cara á celebración da Placemaking Europe Week 2022

30
Na reunión mantida este venres coa concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, foron sementadas as primeiras fórmulas de colaboración que dan boa conta da sintonía entre ambas as dúas partes
A Escola coruñesa sinalou que leva interesada na transformación urbana de Pontevedra e agarda poder máis elementos de colaboración alén da cita internacional que vivirá a cidade en setembro

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, mantivo esta mañá, na Escola de Arquitectura de A Coruña, unha reunión co director da mesma, Plácido Lizancos, para presentarlle o evento que a organización Placemaking Europe está a preparar para a Boa Vila para este o mes de setembro.

«Foi unha reunión que nos deixou moi satisfeitas a todas as partes. Establecemos unha liña de comunicación para integrar a participación da Escola e do seu alumnado dentor deste evento e entre todos seguir traballando nas conexións que farán de Pontevedra durante ese mes unha cidade que estará nas miradas de todos os urbanistas e arquitectos do mundo», explica a edil.

A Placemaking Week Europe 2022 será un dos eventos máis importantes cos que contará a cidade ao longo do presente ano, e está a xerar grandes expectativas nos sectores especializados, por mor das propostas e das conexións que se xeran en citas desta categoría.

«Estamos moi contentas con este primeiro contacto, e quedamos xa co encargo de manter esta relación coa Escola de Arquitectura de A Coruña, que de seguro perdurará máis aló da Placemaking Week Europe, pois é certo que a transformación urbana de Pontevedra é obxecto de interese e estudio por parte da Escola, e o bo facer desta e o seu aval seguro que é unha ferramenta moi útil para o Concello nos vindeiros tempos. Imos buscar as formulas de traballo conxunto e continuaremos procurando elementos que permitan promocionar e poñer o nome de Pontevedra no mundo», sinalou Gulías.