A Xunta dá luz verde á posibilidade da implantación do Coche de Punto a través do servizo municipal de taxi

177
O Concello conta con facer o transporte a demanda no municipio unha realidade a finais de ano agora que conta con todos os permisos necesarios e a posibilidade legal de modificar a ordenanza municipal de taxi 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá do informe respecto da posibilidade de implantación do servizo municipal de taxi para a prestación de servizos de transporte baixo demanda que o Concello de Pontevedra solicitou á Xunta de Galiza. 

O texto da consulta recolle a intención do Concello de Pontevedra de establecer un modelo de transporte colectivo baixo demanda mediante vehículos de baixa capacidade, coñecido e presentado xa na cidade como Coche de Punto. «Desde o Concello sempre entendemos que había varias alternativas para este novedosos sistema, mais o máis viable é o que se lle pediu a Xunta para o seu okay, consistente na modificación da ordenanza do taxi», explicou Gulías. 

«Ao longo destes meses estivemos traballando en tres cuestións á vez. Dunha banda a aplicación informática que xa coñecemos e presentamos, doutra no estudo de viabilidade e, por último, na modificación da ordenanza do taxi municipal. Neste informe a Xunta considera viábel a regulación a través da propia ordenanza municipal e polo tanto o establecemento dun transporte público en taxis que operen baixo a demanda das persoas usuarias, polo que queda aberta á porta á posta en marcha xa definitiva do Coche de Punto», sinala a edil.

A portavoz do Goberno indicou que o transporte a demanda no municipio será unha realidade e conta xa coa autorización para que a modificación da ordenanza abra a porta ao pagamento dunha tarifa inferior á que correspondería o alugueiro do vehículo completo en circunstancias normais. «A finais deste ano ou principios do que vén o transporte a demanda en Pontevedra, a través dos propios taxis da cidade, será unha realidade», finalizou.

O informe emitido pola Xunta recolle como conclusión que se considera viable «a regulación a través de ordenanza municipal, e posterior establecemento, dun servizo de transporte público en vehículos turismo, taxi, que opere baixo demanda das persoas usuarias e, polo tanto, sen reiteración de itinerario, calendario e horario, no que se realice a contratación individual por praza co pagamento dunha tarifa plana inferior á que correspondería pola contratación do vehículo completo».

Ademais, foi aprobada en Xunta de Goberno unha prórroga para a asistencia técnica do desenvolvemento do nomeado estudo de viabilidade do transporte a demanda, que será ampliada por catro meses máis. O estudo de viabilidade técnica e económica debía ter rematado o 29 de febreiro, mais rematará en xuño deste ano. O motivo desta prórroga foi propiciado pola espera do informe favorable que debía ser emitido pola Xunta.