O dispositivo especial de estacionamento na contorna do edificio da Xunta deixará de ser efectivo este luns

38
O peche do vacunódromo trae de volta á normalidade á hora de aparcar nesta zona, polo que deixarán de ser prazas reservadas para os citados á vacina as prazas libres ou de servizo existentes en toda a zona

Desde o pasado novembro, a contorna do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra contaba cun dispositivo especial de estacionamento para poder axilizar e acomodar o proceso de vacinación masiva vivida ao longo dos últimos meses, permitindo poder parar co vehículo a toda a veciñanza que o precisase.

Así, o Concello de Pontevedra decidiu que nas rúas periféricas ao edificio da Xunta foran reservadas as prazas de aparcadoiro, libre ou de servizo, para os asistentes da vacinación. Esta nova indicación foi sinalizada e foi de obrigado cumprimento nas rúas Luis Braille, Alfonso X, Antonio Taboada Nieto e Iglesias Vilarelle. Ao longo destes meses, as prazas reservadas para a vacinación Covid eran de 15 minutos de reserva mañá e tarde, entre as 9 e as 14 horas e das 16 ás 21 horas.

As medidas tomadas demostraron ser efectivas e funcionais, permitindo que o proceso de vacinación fose realizado sen grandes atrasos e sen que a contorna soportase grandes retencións por mor do tráfico de axitación en busca de aparcadoiro.

Este luns o Concello fará efectiva a retirada da sinalización especial instalada a finais do pasado ano, polo que a contorna volverá á normalidade no referido a estas limitacións de estacionamento.