O Laboratorio da Infancia pecha esta tarde na Casa das Campás o seu ciclo de sesións públicas co Lab Vida Saudable

13

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, presidirá esta tarde na Casa das Campás (sede da Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra) a última das sesións públicas organizadas no marco do proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado polo Concello de Pontevedra con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Sostible Integrado (Edusi). O foro, que coincide coa conmemoración do Día Mundial da Saúde e que se desenvolverá en horario de 19:00 a 20:30 horas, estará protagonizado pola doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Marián Fernández Villarino, profesora e investigadora no departamento de Didácticas Especiais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra, que exporá as conclusións da mesa de traballo do Lab Vida Saudable e abrirá unha quenda para que a cidadanía realice as súas suxestións, comentarios e achegas.


Entre as propostas deste Lab figuran as seguintes:


1. Deseñar unha investigación inicial da realidade para xerar datos obxectivos da realidade en nenos e nenas sobre a práctica de actividade física e a educación para a saúde (alimentación, sono, uso das pantallas, outras adiccións, autoconcepto e percepción da saúde) a través de axentes externos que vaian aos centros educativos e traballen coa cativada e os pais e nais para conectar estes datos cos dos centros de saúde.

2. Facer unha planificación a longo prazo que conteña un programa de acción arredor dos bos hábitos en materia de saúde física e mental dirixida á infancia e que abranga o ámbito familiar, o ámbito escolar e o lecer.


3. Crear un organismo específico dentro do concello que se ocupe de tódolos temas relacionados coa vida saudable e sirva de interlocutor entre o órgano municipal, as distintas institucións ou entidades e os centros educativos para impulsar sinerxías nas diferentes liñas de actuación propostas, que xestione a oferta de recursos e difunda programas de formación dispoñibles, orientando aos centros educativos.

Ademais de Marián Fernández Vilariño, compoñen a mesa de traballo sobre Vida Saudable:


– Gloria Landín Iglesias, licenciada en Medicina e Cirurxía e especialista en Pediatría e Áreas Específicas. Desde o 2007 é pediatra de Atención Primaria na Área Sanitaria de Pontevedra. 


– María José López Cal, mestra de Educación Física. Na actualidade forma parte do equipo directivo do CEIP Plurilingüe A Reigosa, coordina o Proxecto de Vida Activa e Deportiva da Xunta e dinamiza actividades deportivas escolares en colaboración co programa Xogade. Tamén é adestradora e xuíza nacional de ximnasia rítmica con ampla experiencia nesta modalidade deportiva. 


– Silvia Massetti. Estudou Maxisterio e continuou a súa formación no Instituto Arxentino de Nutrición, onde ademais de aprender a fisiopatoloxía dos alimentos, tamén descubriu a importancia da práctica da actividade física axeitada para cada idade e o aspecto biopsicosocial das persoas.