Lores: “Hoxe dimos un paso fundamental para o cambio de paradigma e a vindeira revolución da xestión dos residuos municipais”

23

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación do novo contrato da xestión de residuos da cidade que terá un custe 225 millóns nos vindeiros 21 anos.

O novo contrato supón un cambio de paradigma ao deixar de considerar ao lixo como un residuo para transformalo en recurso, por buscar a redución da pegada de carbono e por estar baseado en obxectivos que ten que cumprir a adxudicataria.

Será o primeiro contrato de xestión de residuos do Estado adaptado á nova Lei de residuos que aínda non entrou en vigor. 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou esta mañá o expediente de contratación do novo servizo de xestión dos residuos municipais. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou esta mañá que “se trata do contrato máis importante dende que eu son alcalde” e amosábase “especialmente satisfeito porque é un paso fundamental para un cambio de paradigma e unha revolución na xestión dos residuos”.

O alcalde explicou que a próxima licitación é importante porque é o contrato coa contía económica máis elevada do Concello: 225 millóns de euros nos vindeiros 21 anos. Destacou que suporá un cambio de paradigma e toda unha revolución no tratamento e no aproveitamento dos residuos municipais. Lembrou que o Concello de Pontevedra adiántase a aplicación da nova Lei de residuos que vén de aprobar o Congreso; e quixo resaltar que se trata do contrato máis participado do que dispón o Concello.

Ao respecto da contía, o alcalde indicou que a licitación será por 10.702.093,53 euros para poñer en marcha un contrato único que vai dende o estudo de colocación de cada contedor até que o residuo se converte en recurso. Isto inclúe a recollida, transporte e tratamento para a súa valorización como compostaxe ou reciclaxe evitando, na medida do posible, a valorización enerxética e o vertedoiro.

O novo contrato de xestión dos residuos supón un cambio de paradigma “porque o lixo deixa de ser un residuo para converterse nun recurso, permitindo reducir a pegada de carbono, loitando contra o quecemento global e protexendo o planeta de forma clara e decidida”, explicou Fernández Lores.

Ademais, o alcalde explicou que Pontevedra porá en marcha o primeiro contrato do Estado que axustado á nova lexislación (aínda non entrou en vigor pero xa está aprobada polo Congreso dos Deputados) que obriga ao cumprimento de obxectivos de reciclaxe, incluídos os téxtiles e aceites domésticos. Estes obxectivos son:

  • Ano 2025: 55%
  • Ano 2030: 60%
  • Ano 2035: 65%

O alcalde destacou que “foi o contrato máis participado do Concello” polas consultas cidadáns feitas a través de web, as reunións con entidades sociais, empresariais… xornadas coas empresas do sector, ao que hai que engadir o traballo informativo para a implantación da compostaxe tanto no ámbito urbano como no rural durante os últimos anos. “Pero non imos quedarnos aí, porque a participación vai continuar no proceso de implantación e de seguimento -a través de campañas de sensibilización, por exemplo- porque a colaboración, complicidade e responsabilidade cidadá son fundamentais para acadar os obxectivos”, indicou Fernández Lores.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente do novo contrato que estará subido ao perfil do contratante do Concello para que dende “xa” poida ser consultado polas empresas do sector interesadas en presentarse á licitación. Simultaneamente enviarase á ONE (Oficina Nacional de Evaluación) que deberá emitir informe no prazo dun mes.