Desenvolvemento Sostible pon en marcha as obras de mellora paisaxística e creación de áreas de estancia e sombra no parque da Palmeira de Joaquín Costa

49

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, vén de instalar no parque da Palmeira situado na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro un valado perimetral que o pechará ao público mentres se executan as obras de mellora paisaxística e creación de áreas de estancia e sombra nesta zona verde. Os traballos, para os que o Concello de Pontevedra destinou un investimento de 48.546,30 euros e que foron adxudicados á empresa Garocaprim SL, poranse en marcha esta mesma semana e contemplan a posta en valor dos elementos existentes e a integración do parque na contorna coa creación dun camiño que artellará o espazo de oeste a leste.


O proxecto, elaborado por Diego Pereira, enxeñeiro de Montes da firma Viveiros Acroa, tamén busca subliñar a beleza desta zona verde coa dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno. A intervención incrementará a capacidade de acollida e confort deste espazo verde, converténdoo nun punto de encontro e socialización comunitaria mediante a conformación de áreas de estancia con mesas e bancos de madeira.


Iván Puentes, quen visitou esta mañá o parque da Palmeira para supervisar a instalación do valado perimetral, fixo fincapé na “importancia estratéxica para o desenvolvemento que no barrio da Eiriña ten un parque que se atopa nunha das bolsas de solo urbanizable máis importantes que existen no centro de Pontevedra e cuxa mellora se enmarca nun conxunto de proxectos entre os que se inclúen a reforma integral de Amalia Álvarez (60.000 euros) ou a creación dun novo parque na pasarela de José Adrio, en 12 de Novembro (cun investimento de 500.000 euros por parte de Concello e Deputación)”. Un conxunto de actuacións que suman máis de 600.000 euros e que optimizarán a dispoñibilidade de espazos de lecer e de zonas verdes e a calidade de vida dos veciños e veciñas desta zona de Pontevedra (os proxectos foron presentados a finais do ano pasado aos membros da Asociación de Veciños e Veciñas da Eiriña).

O prazo de execución previsto é dun mes e medio desde o inicio dos traballos

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible sinala que “a intervención ten un prazo de execución previsto dun mes e medio desde o inicio dos traballos”, prevendo a instalación de “bancos accesibles distribuídos entre as árbores no bordo do camiño, así como a construción dun banco de obra, que inicialmente ía corrido arredor da palmeira, pero, finalmente, tamén a petición dos veciños e veciños terá só forma de semicírculo, deixando na outra metade libre o actual outeiro coroado pola palmeira e que constitúe unha zona de xogo libre dos nenos e nenas”.


Os traballos incluirán o refino do chan coa eliminación manual e mecánica de pedras e outros materiais que impidan a viabilidade do xardín, unha nivelación definitiva conforme á topografía do terreo e unha eliminación de vexetación tanto na parte aérea como da radicular. De ser preciso, retiraranse residuos ou entullos presentes para achegar logo terra agrícola de boa calidade que permita emendar as deficiencias do punto de vista da calidade do solo existente no espazo.


O proxecto plantexa a creación dun camiño que artelle o espazo oeste-leste, tendo como referencia visual a fonte e a palmeira que constitúen un fito no parque e na contorna. O pavimento deste camiño realizarase con terrizo, de 10 cm de espesor, realizado con xabre granítico cribado sobre a explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora, con refino manual dos bordos. Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2”.


Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…). Considerase a implantación de céspede de gramíneas de uso ornamental-rústico onde este se atopa deteriorado ou mesmo inexistente.


Dado que no parque da palmeira de Joaquín Costa se apreza un notable déficit de sombra, coa finalidade de dar resposta ás demandas da veciñanza e de garantir unha axeitada relación sol/sombra, formúlase unha proposta de plantación de arborado no xardín, incorporando especies coherentes coas existentes tanto a nivel de volumetría como de composición xeral, esencialmente cipreses comúns, magnolias tulíperas e acacias. A incorporación dun estrato arbustivo neste parque é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo, para o que se propón unha composición con diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha axeitada calidade paisaxística ao longo de todo o ano.

O proxecto tamén contempla a instalación de rega por goteo en zonas arbustivas do noiro e de aspersión no céspede, mentres que as franxas máis estreitas se resolverán mediante rega con difusores (por ser as opcións máis axeitadas e sustentables). Proxéctase a instalación dun sistema de rego automatizado mediante o soterrado de tubarias e acondicionamento con estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central.