A canteira das futuras seleccións autonómicas de ciclismo BTT fórmase durante estes días nas instalacións do Casino Mercantil de Pontevedra

565
  • Un grupo de 27 nenos e nenas de categorías Infantil e Cadete participarán ata o mércores no Campus BTT XCO Ciclismo Galego, organizado pola Federación Galega de Ciclismo en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra
  • O programa contempla a práctica de BTT no bikepark da Fracha e no monte Xaxán, un circuíto de BMX, tertulias, actividades de lecer e charlas formativas sobre adestramento, nutrición ou mecánica básica e coidados da bicicleta

Un grupo de 27 rapaces (19 nenos e 8 nenas) de categorías Infantil e Cadete participan desde hoxe e ata o mércores nas instalacións deportivas do Casino Mercantil de Pontevedra no Campus BTT XCO Ciclismo Galego organizado pola Federación Galega de Ciclismo en colaboración coa Concellería de Deportes para ciclistas federados das súas categorías base. A actividade está orientada a deportistas nados entre os anos 2006 e 2009 e pretende afondar na paixón polo BTT cunha formación técnica, fomentar a convivencia e formar ás futuras seleccións autonómicas que nos representen nos campionatos nacionais.

O Campus, que deu comezo esta mañá ás 9:30 horas e que finalizará ás 19:00 horas do mércores, ofrece hospedaxe con pensión completa no Mercantil e un completo programa de actividades que se desenvolverá nos contornos dos concellos de Pontevedra e Marín, con desprazamentos en bicicleta e furgonetas. O programa, que inclúe a práctica de BTT no bikepark da Fracha e no monte Xaxán, un circuíto de BMX, actividades de lecer, tertulias e charlas formativas sobre adestramento, nutrición ou mecánica básica e coidados da bicicleta, foi presentado esta mañá no contorno do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o técnico da FGC e responsable do Campus Alberto del Río, acompañados polo grupo de rapaces inscritos nestas xornadas técnicas (que aproveitaron a ocasión para facer unha foto de familia).

Tino Fernández subliñou que “o Concello de Pontevedra ten unha relación de amor absoluto coas bicicletas, que se traduce en que sempre que podemos traemos probas, campionatos, torneos… Fai pouco tivemos unha Copa de España”. Tal e como salientou, “para nós é un orgullo que a Federación conte con nós para organizar todos estes eventos”, xa que “Pontevedra é unha cidade cada día máis vencellada á bicicleta, de paseo, de deportes, de entretemento”. “Só hai calquera xornada pola rúa ou polos nosos montes para ver a cantidade de xente que practica deporte coa bici”, apuntou o edil do PSOE.

Tal e como indicou, “é importante traballar a base e xerar masa crítica e vinculación deportiva desde a infancia, para que esa vinculación se manteña cando crezan e nos faga ser referentes deportivos na bicicleta e en calquera deporte e nos axude tamén a traer grandes eventos para Pontevedra”. 

Juan Carlos Muñiz explicou que estas xornadas de tecnificación e convivencia teñen o obxectivo de que os nenos e nenas “desfruten, o pasen ben, se coñezan, fagan lazos, desenvolvan eses valores do deporte, o compañeirismo e o sacrificio e vaian familiarizándose pouquiño a pouquiño co mundo das concentracións e as formacións”. “Que mellor lugar para facer este Campus BTT que a cidade de Pontevedra e as instalacións que nos cede do Casino Mercantil. Pontevedra é a capital do deporte, sobre todo con esa aposta que ten a prol do deporte e da bicicleta… Os rapaces van adquirir coñecementos como deportistas e tamén sobre hábitos de vida saudable, nutrición e complementos nutricionais”, apuntou o presidente da FGC.

Segundo afirmou Muñiz, os 27 nenos e nenas que participan nestas xornadas son “o futuro, un futuro moi prometedor co inicio desta tempada, que onte comezou en Sanxenxo no eido da mini BTT cun récord de asistencia con 500 rapaces, e coa promoción deste deporte”. 

HORARIOS E ACTIVIDADES 

LUNS 

9:30 Benvida e reunión informativa

10:00 Saída en bicicleta a presentación

10:45 Presentación Pontevedra

12:00 Charla de mecánica básica e cuidados da bicicleta (Francisco José Cochón) 

14:00 Comida

15:00 Tempo libre (preparación para a seguinte actividade)

15:30 BTT en Bikepark A Fracha 

20:00 Limpar bicis e ducha

21:00 Cea

22:00 Tertulia 

23:00 Todos ás habitacións

MARTES 

8:30 Almorzo

9:00 Tempo libre

9:30 BTT en Xaxán

13:00 Limpiar bicis e ducha

13:30 Comida 

14:30 Tempo libre (preparación para a seguinte actividade)

15:00-18:00 Actividades deportivas

18:30 Charla formativa (Jaime Juncal)

21:00 Cea 

22:00 Tertulia

23:00 Todos ás habitacións

MÉRCORES

8:30 Almorzo

9:30 Charla formativa adestramento (Mario Pereira) 

9:00 Tempo libre (preparación para a seguinte actividade)

11:00 Circuíto BMX

13:00 Limpar bicis e ducha

14:00 Comida

15:00 Tiempo libre (preparación para a seguinte actividade)

15:30-18:30 Praia fluvial

19:00 Despedida