Yoya Blanco e Iván Puentes inmortalizan o seu afecto cun intenso bico e convidan a tódolos pontevedreses a celebrar o Día Internacional do Bico na Carpa do Amor instalada diante do Hospital Provincial

61

Inmortalizando o seu afecto cun intenso bico inauguraron esta mañá a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o seu compañeiro Iván Puentes, a Carpa do Amor instalada polo Concello diante do Hospital Provincial co gallo do 13 de abril, Día Internacional do Bico. Con este xesto, Blanco e Puentes convidaron a tódolos pontevedreses e pontevedresas a participar na campaña de apoio ao comercio local ‘Captando un bico’: os que se acheguen antes das 19:00 horas terán a posibilidade de protagonizar unha mostra de cariño con quen desexen, expresar o seu amor e levar de recordo unha fotografía gratuíta impresa dese momento tan doce ou paixonal (e sobre todo, especial). Un servizo para o que unicamente deberán entregar a cambio un tícket dunha compra realizada no noso comercio. 


A Carpa do Amor despregada pola firma Gesdigal, rodeada dun decorado coa palabra ‘bico’ en diferentes idiomas, está dotada dun photocall e conta cunha fotógrafa (Fátima Fernández, coordinadora da actividade), polo que, ao igual que fixeron os concelleiros socialistas, os cidadáns poderán optar por dúas opcións fotográficas: a dun fotomatón con forma de espello máxico, que permite levar xa unha imaxe impresa nese momento; e as que fará a fotógrafa, de 15×30, que poderán recoller nuns días, unha vez que estea revelada.

Tras protagonizar as mostras de cariño co seu compañeiro do Goberno Local, Yoya Blanco quixo “animar á cidadanía a que veña pola praza do Hospital co seu tícket do comercio local e se faga, neste Día Internacional do Bico, unha foto cos seus amores, cos seus fillos e fillas, coa súa parella… Con quen queiran”. “É o momento de darnos moitos deses bicos que non nos puidemos dar por moito tempo e, de paso, axudar ao comercio local”, apuntou a concelleira.