O Cisne encoméndase á heroica para volver clasificarse esta fin de semana para a fase final do Campionato de España Xuvenil de Balonmán

72

O Cisne Colegio Los Sauces volverá encomendarse á heroica para afrontar esta fin de semana, entre o venres 22 e domingo 24 de abril, os encontros do sector A masculino do Campionato de España Xuvenil de Balonmán, que se xogará na nosa cidade e no que terá como rivais ao Abanca Ademar de León, o Ereintza Aguaplast e o Finetwork Xixón. A rolda clasificatoria, organizada en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Balonmán, foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández; o presidente do equipo pontevedrés, Santiago Picallo, e o vogal da xunta directiva Miguel Monteagudo, autor do cartel promocional do evento.


Tal e como salientou o edil socialista durante a comparecencia, “xa tivemos a sorte de que este Campionato se celebrase aquí o ano pasado e agora, dado que o Cisne foi de novo primeiro clasificado, a Federación volveuno considerar algo así como cabeza de serie e permitiunos volver desfrutar dunha fin de semana de balonmán de alta calidade”. “Agardemos que o resultado sexa igual que o do ano pasado, no que o Cisne se clasificou para xogar a fase final do Campionato e quedou campión, un fito que coido que aínda nos somos capaces de valorar no que significa. Ser campión de España nun deporte como o balonmán, no que a competitividade é tan grande e no que hai equipos tan potentes, iso é algo que agardemos que se poida repetir máis veces, pero que é para valorar moito máis de o que o estamos a valorar”, asegurou Fernández.


O concelleiro de Deportes indicou que, se ben se repite algún equipo do ano pasado, “estamos nunha fase nova e ante un Cisne que segue a ter un plantel formidable, como amosou ao longo de toda a ligar regular, e que aspira ao máximo”. Por ese motivo, Tino Fernández anima aos afeccionados ao balonmán a que se acheguen esta fin de semana ata o Pavillón Municipal dos Deportes “a desfrutar de balonmán de alta categoría, de rapaces que, moitos deles, rematarán xogando na Asobal e noutras ligas, porque son o mellor de España, e a alentalos para que poidan repetir ese feito histórico de volver entrar nunha fase final e de estar entre os oito mellores de España, que se di pronto”.+


Santiago Picallo asegurou que, aínda que os equipos deste sector conforman “un grupo moi complicado, como aconteceu o ano pasado”, o club “está preparado”, cuns rapaces “que fixeron unha liga moi boa, proclamándose de novo campións galegos” e que “agardemos que estean ao nivel de poder repetir a clasificación do ano pasado”. “Temos unha fin de semana completísima, sobre todo para os directivos, que estaremos metidos no Municipal desde o venres, xa que o sábado pola tarde tamén temos un partido importantísimo a nivel de División de Honra Prata contra o Balonmán Porto Sagunto, no que estarán en xogo moitas desas posibilidades de ascender a Asobal. O domingo será a traca final, xa que, por estas cousas do calendario, tocounos xogar o partido contra o Ademar de León, que ten unha das mellores do país”, sinalou o presidente do Cisne.


Miguel Monteagudo explicou que, á hora de deseñar a imaxe do cartel promocional (coa emblemática ponte do Burgo) deste sector, tentouse “vender cidade”, xa que “temos moi claro que este binomio deporte-turismo é o que permite que poidan vir a Pontevedra eventos deste tipo”.


Os partidos disputaranse o venres pola tarde, ás 18:00 e ás 20:00 horas, o sábado pola mañá, ás 10:30 e ás 12:30 horas, e o domingo pola mañá, ás 10:00 e ás 12:00 horas. 


Ademais do Cisne, tamén disputará esta fase zonal do Campionato de España Xuvenil a SD Teucro, que está encadrada no grupo B, cuxos encontros se xogarán na localidade vasca de Zarautz, xunto co anfitrión, o Gran Cámping Zarautz, o Corconte Pereda e o Grupo IMQ.