A Concellería de Deportes lanza o MetroSán: unha proposta de 24 rutas saudables e 20 ‘fitpoints’ polo termo municipal de Pontevedra para convidar a toda a cidadanía a facer exercicio físico e desfrutar da nosa contorna

341

No marco da súa decidida aposta polo fomento da vida saudable e a loita contra o sedentarismo, con iniciativas tan exitosas como o programa A Vida é Movernos, a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde acaba de dar un importantísimo paso adiante coa inauguración dunha nova iniciativa de animación ao exercicio físico: o MetroSán, unha rede de rutas saudables cunha fórmula de sinalización semellante á empregada no recoñecido plano Metrominuto, pero sen indicacións de tempo, xa que cada persoa pode percorrelas camiñando, correndo ou en bicicleta. Ademais, a diferenza do premiado plano de mobilidade, o MetroSán propón, para a súa realización libre, 24 roteiros dentro do termo municipal de Pontevedra que van dos 2 aos 22 kilómetros, sumando un total de 164 kilómetros (o número de km é maior que o de treitos, posto que algúns dos itinerarios se superpoñen).


A iniciativa foi presentada esta mañá na avenida de Montero Ríos, a carón das Ruínas de Santo Domingo, onde foi instalado o plano xeral de distancias deste MetroSán, nun acto no que participaron o seu impulsor, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; os atletas Víctor Riobó e Santi Ferrer, que colaboraron na definición dos itinerarios e dos ‘fitpoints’, e mailo voceiro da Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem) Jenner David Ludeña, que participa no programa Rodando. O plano sinóptico de distancias do MetroSán recolle uns 70 kilómetros liñais, reunindo tódolos tramos referenciados por cores entre os máis de 40 puntos que aparecen no mapa. Nesta oferta de rutas saudables, das que case todas discorren polos espazos naturais de Pontevedra, inclúense tres relacionadas co Camiño Portugués: a sección sur, entre Ponte Sampaio e A Peregrina, a norte, entre este santuario e San Amaro, e outra que engloba ás dúas e que constitúe a proposta máis longa, de 22 km.


Segundo explicou o edil do PSOE, “os percorridos poden agruparse en varias zonas: os eixos do Lérez, do Rons, do Camiño, do Gafos e do Valdecorvos, ademais dos parques forestais do Pontillón, A Fracha e A Tomba”. Aproveitando os soportes da ‘Rara pero San Silvestre’, a carreira de Fin de Ano que se celebrou en plena pandemia de 2020, a Concellería de Deportes instalou 11 cilindros informativos nos que aparece información xeral e tamén planos específicos das rutas que discorren por esas zonas.


Tal e como subliñou Tino Fernández, “a experiencia completouse con 20 puntos para realizar actividade física complementaria de xeito autónomo, os chamados ‘fitpoints’, que inclúen un conxunto de 100 propostas distintas de exercicios combinando distintos traballos de mobilidade estática ou con desprazamentos (sección azul), traballos de forza (sección verde) e estiramentos para realizar sentados ou de pé (sección vermella)”. “Asemade, tamén se dispuxeron polas rutas as indicacións necesarias para guiarse en caso de dúbida ao realizar calquera itinerario”, apuntou o tenente de alcalde.

En opinión de Fernández, “trátase, xunto coa adquisición do convento de Santa Clara, da proposta máis importante que presentou o Concello durante este mandato: unha rede de rutas como non hai en ningunha outra cidade de Galicia e probablemente do Estado, para favorecer e estimular a práctica da actividade física por tódalas persoas, sexan cales sexan as súas circunstancias”. “O MetroSán significa un salto de calidade importantísimo dentro do fomento da actividade física saudable en Pontevedra. É o resultado dun traballo ímprobo, que nos levou moito tempo e quero agradecer o labor que se fixo desde o Servizo de Deportes, encarnado na figura do seu xefe, Jaime Agulló, xunto co inestimable apoio de Víctor Riobó e Santi Ferrer, que nos botaron unha man para ir coordinando todo. Agardo que os cidadáns poidan desfrutalo e que isto vaia mellorando coa incorporación de novas rutas. Estou orgulloso deste traballo e de que sexamos un referente a nivel nacional e mesmo internacional de como se pode transformar unha cidade na mellor e máis grande instalación deportiva”, subliñou o concelleiro de Deportes.


Víctor Riobó, que tivo un papel moi activo no deseño dos roteiros, precisou que a idea do MetroSán partiu do feito de que Pontevedra “é unha cidade moi chá, saudable e deportiva” e da boa acollida que tivo o prototipo da ‘Rara pero San Silvestre’, ofrecendo un abano de alternativas accesibles para todo o mundo. O atleta da Sociedade Ximnástica destacou como os itinerarios que máis lle gustan persoalmente os da Fracha e O Pontillón do Castro, que teñen “unhas vistas impresionantes”.


Pola súa banda, Santi Ferrer, que axudou a elaborar os ‘fitpoints’, indicou que o que se buscou con estas zonas de exercicio foi “establecer unha serie de pautas básicas de exercicio, adaptadas a distintos niveis de actividade, para que calquera persoa que se inicie ou que xa a faga dispoña dun patrón para guiar a súa actividade”.

“Ademais do exercicio aeróbico que poden realizar camiñando, correndo ou andando en bici, é moi importante traballar a musculatura e, por iso, en cada ‘fitpoint’ propóñense unha serie de exercicios de mobilidade articular, un bloque de exercicios de forza, empregando o mobiliario que hai na zona, o propio chan e o propio peso corporal, e un bloque de estiramentos para darlles a elasticidade necesaria aos principais músculos implicados na actividade que se vai facer”, explicou Ferrer.