O CGTD de Pontevedra será este venres escenario da primeira competición de atletismo ‘normal’ despois de dous anos: o Criterium de Primavera Concello de Pontevedra

235

O atletismo de primeiro nivel regresa este venres 22 de abril pola tarde ás pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) coa celebración do Criterium de Primavera Concello de Pontevedra, que ten como principal aliciente e novidade o feito de ser a primeira proba trala pandemia que se desenvolverá con normalidade practicamente absoluta: tras máis de dous de agarda, participarán a totalidade dos 300 deportistas inscritos. O evento, organizado polo Club Atletismo Rías Baixas en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Atletismo (FGA), contará con atletas de toda Galicia, así como dalgúns procedentes de Portugal e de fóra da comunidade, esencialmente de categorías sub 16 e sub 18.


Á marxe desta elevada participación, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tamén destaca que “aquí van estar varios dos mellores atletas de España, entre outros, Jacobo Soler; o coruñés Mauro Triana, campión nacional; David Vicente, un dos mellores de Europa en valos na categoría sub 20, ou a atleta de Vilagarcía Celia Castro, de Agrupación Atlética Mazí, recentemente proclamada campioa de España de 600 metros en categoría cadete en pista cuberta, unha auténtica promesa do atletismo galego”. 


“Se o tempo acompaña -asegura o presidente do Club Atletismo Rías Baixas, Gonzalo Méndez-, imos vivir unha xornada moi bonita, que inaugurará a normalidade no atletismo. Seremos pois pioneiros unha vez máis en facer algo con normalidade absoluta e énchenos de satisfacción que todos poidan competir e que non teñamos que restrinxir a participación a ninguén. Todos os que se inscribiron van competir. Ademais, pode haber público, polo que agardamos ter pais, nais, familia, amigos e afeccionados animando. Hai que agradecerlle ao Concello de Pontevedra que poidamos facer estas cousas para os rapaces e rapazas xa que é moi importante para eles/as”.


As probas desenvolveranse entre as 18:30 e as 21:15 horas, incluíndo lanzamento de martelo, 100 e 110 metros valos, 100 metros lisos, lanzamento de disco, 300 e 600 metros, salto de lonxitude e 3.000 metros (en categorías masculina e feminina sub 14, sub 16, sub 18, sub 20 e absoluta).