A Vida é Movernos convídanos a vibrar cunha nova quenda de Talleres de Percuterapia que dará comezo na Casa Azul e se estenderá por barrios e parroquias

75

Ante a boa acollida dos obradoiros celebrados a finais do ano pasado, o programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, decidiu organizar unha nova quenda de Talleres de Percuterapia impartidos polo músico, terapeuta e percusionista Pedro Campos, experto en intelixencia emocional. A actividade desenvolverase inicialmente na Casa Azul os días 29 de abril e 13 e 27 de maio, en horario de tarde (de 18:00 a 19:30 horas), estando previsto que se estenda por barrios e parroquias durante os meses de xuño e xullo: Pontevedra Leste, O Burgo, Monte Porreiro, Lérez, Ponte Sampaio e San Roque.

Entre os obxectivos destes Talleres de Percuterapia, pensados para grupos dunhas 15 persoas, inclúense os de dotar aos seus participantes dunha serie de destrezas e competencias fundamentais para a vida cotiá en tódolos seus ámbitos e enriquecer o seu proceso sensorial, cognitivo e motor. Todas aquelas persoas interesadas en inscribirse poderán facelo de balde (ata completar o tope de prazas) a través do email camposacostapedro@yahoo.es.

Os asistentes aos obradoiros aprenderán técnicas de relaxación, humanización e coñecemento persoal a través da percusión corporal, alternativa, vocal e tradicional; a buscar o benestar mental e emocional experimentando a música como un proceso que pode aumentar a comunicación e a expresión; a favorecer o desenvolvemento emocional; a mellorar a percepción, a motricidade e a expresión de problemas, inquedanzas, medos e bloqueos, e a aliviar a ansiedade. Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “a finalidade desta actividade de A Vida é Movernos é pasalo ben, ser felices, mellorar as nosas relacións persoais e, sobre todo, saír moito máis alegres do que entramos”.


As sesións previstas nestes talleres desenvolveranse en base aos seguintes métodos: 


1. A percusión corporal (body music ou body percussion): é a produción de sons con golpeos sobre o corpo propio, alleo e outros elementos, usando movementos corporais como aplaudir, usar a boca para emitir sons, asubiar, chasquear os dedos, brazos, mans; aproveitando as coxas, o peito, utilizando os pés, os dedos e outras partes do noso corpo. 

2. A percusión alternativa: é o choque urbano, que crea ritmos e sons con distintas partes do corpo e con obxectos cotiás. Pódese explorar de maneira individual, pero a súa riqueza e complexidade explotan cando se xuntan varias persoas. Busca son en obxectos de fácil acceso, como tachos, baldes, paus, vasos, mesas, sillas, botellas, etc., así como tamén no propio corpo, xa que calquera ámbito pode ser intervido percutivamente, porque ‘todo soa’. 


3. A percusión vocal: concíbese como a arte de reproducir os sons e facer música usando a propia voz, a boca e as cavidades nasais. Tamén pode incluír cantar, imitar sons de trompetas, sintetizadores, baterías, cordas e outros instrumentos musicais. 


4. A percusión tradicional: é a produción de sons con instrumentos de percusión, como congas, timbais, baterías, bombos, pandeiros…