A ledicia do bulicio infantil xa pode regresar ao parque infantil das Palmeiras tralos traballos de renovación do pavimento e restauración dos elementos de xogo

152

A ledicia do bulicio infantil xa pode regresar ao renovado parque infantil para nenos e nenas de 3 a 12 anos ubicado no paseo das Palmeiras, despois de permanecer pechado durante case un mes polos traballos de mellora da seguridade, embelecemento e restauración integral executados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. As obras, realizadas pola firma Garocaprim SL, supuxeron un investimento de 43.820,15 euros por parte do departamento que dirixe o socialista Iván Puentes e supuxeron a reparación da totalidade dos elementos de xogo (substituíndo aqueles que se atopaban moi deteriorados) e a completa renovación do pavimento amortecedor para adaptalo aos requisitos de seguridade que establece a normativa UNE, dotando a esta área de lecer dun firme de capa de caucho de SBR (estireno-butadieno, un elastómetro sintético empregado na fabricación de pneumáticos).


O excelente resultado das actuacións foi supervisado ‘in situ’ polo propio concelleiro Iván Puentes, nunha visita que coincidiu coa retirada dos valos de seguridade e na que estivo acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán. Tal e como sinalou o edil de Desenvolvemento Sostible, “o proxecto de renovación integral deste concorrido parque infantil das Palmeiras tamén supuxo a creación dunha rampla de acceso á zona de xogo, o que elimina o problema de accesibilidade creado pola pequena elevación da área de lecer infantil sobre a cota das sendas que conectan os distintos espazos do parque”.


“Os traballos prolongáronse durante varias semanas xa que foron moi exhaustivos, coa retirada de todo o pavimento deteriorado, o pintado e mellora estéticas de todas e cada unha das súas estruturas, a eliminación de pintadas e o lixado e tratamento dos elementos de madeira”, explicou Puentes.


A intervención seguiu os mesmos patróns de excelencia e eliminación de riscos que o Servizo de Parques e Xardíns está a aplicar para optimizar a calidade e as condicións de seguridade da rede de parques infantís de Pontevedra e obter a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac) neste eido. Segundo anunciou Iván Puentes, Desenvolvemento Sostible ten previsto realizar novas actuacións de restauración durante as vindeiras semanas noutras zonas de xogo do centro urbano, “como o parque de maiores das Palmeiras, anexo a este”, así como “un zafarrancho de reparacións e melloras en tódolos parques infantís do barrio de Monte Porreiro, entre eles o da Praza de Europa e os do Miradoiro”.