O Concello de Pontevedra cumpre cos compromisos asinados no convenio para a construción do Gran Montecelo

68
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que apenas restan uns poucos pasos para comezar a construción do vial perimetral de Montecelo, amais do último pago de millón e medio de euros, xa en tramitación, dentro dos catro millóns que o Concello porá neste proxecto

Está previsto que as obras para o novo vial comecen en maio, logo do aprobación en Xunta de Goberno do plan de seguridade e hixiene que avale a actuación 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de xoves, 28 de abril, co obxectivo de realizar unha valoración do estado de tramitación actual do convenio asinado  co Sergas para a construción do Hospital Gran Montecelo. Asinado hai seis anos, no 2016, o rexedor da cidade lembrou que é un convenio «importantísimo que significará un antes e un despois á hora de contar cun equipamento sanitario de agudos para toda a área sanitaria».

Fernández Lores afirmou que o Concello de Pontevedra está en disposición de dicir que «estamos rematando os compromisos na súa totalidade que tiñamos asinados co Sergas». O alcalde da Boa Vila fixo fincapé en dous: dunha banda, a construción do vial perimetral, adxudicado á empresa Elsamex, en cuxa construción serán investidos 1.161.479 euros, asumidos de xeito íntegro pola Deputación de Pontevedra. «Neste momento estamos pendente de facer a acta de reformulo, nunha semana ou dez días debería estar», sinalou o alcalde; doutra banda, restaría aprobar en Xunta de Goberno o plan de seguridade e hixiene que avale o proxecto.

«Xa sabedes que non me presta dar datas nestes tempos, pero en maio, na teoría, deberían comezar as obras», comentou o rexedor, que tamén explicou que o Concello de Pontevedra xa estaba a tramitar o pago do último millón e medio que quedaba pendente dentro dos catro millóns que o Concello aportaría dentro do convenio coa Xunta de Galicia. «O Concello cumpre os seus compromisos, podemos dicilo ben alto».

O alcalde tamén explicou que nuns meses, o complexo hospitalario podería comezar a recibir o abastecemento de auga do novo sistema que deixará a un lado o bombeo actual, e que traerá a auga desde o depósito de Castrosenín. Na actualidade están a ser realizados estudos de estancamento e de calidade do servizo. «Será un avance en todos os sentidos, ao contar cun sistema mellor».

Fernández Lores comentou que estaba «satisfeito» logo do esforzo económico realizado polo Concello, que posibilitou a construción do novo hospital, e agarda que a pese a crise de subministracións, o novo complexo poida manter o ritmo de obra previsto, e cumprir así coa maioría dos prazos programados nun principio.