Tino Fernández felicita á xogadora pontevedresa da Selección Galega Sub 15 de Fútbol Minerva Rivera polo pase do equipo á fase final do Campionato de España

157

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu esta mañá no Concello á xogadora pontevedresa da Selección Galega Sub 15 de Fútbol Minerva Riveira, que vén de acadar o pase á fase final do Campionato de España de Seleccións cunha escadra na que xoga outra pontevedresa, Sara Couso. O edil socialista, que entregou á deportista un fermoso agasallo conmemorativo, asegurou que “é unha honra para Pontevedra ter a varias convocadas pontevedresas tanto na Sub 15 como na Sub 17 (en referencia ás tamén pontevedresas Sara García e Andrea Villadeamigo), algo que é moi importante e que significa que o noso deporte feminino ten moito vigor e moita puxanza”.


“Ogallá dentro de pouco teñamos máis equipos femininos en Pontevedra -sinalou Fernández- e que xente tan nova como Minerva nos estea representando e levando o nome de Pontevedra por todo o Estado é un orgullo. Por iso queremos agradecerlle o seu traballo e impulsala para que siga traballando e mellorando como persoa e como deportista. Agardamos que continúen a chegar máis triunfos e que este paso que deu clasificándose para a fase final do Campionato de España teña recompensa cunha boa clasificación”.


Minerva Riveira amosouse “orgullosa de pertencer a este concello e de seguir xogando ao fútbol, que é un deporte que che pode dar moito a vida”. Tal e como subliñou a xogadora, que destaca pola súa velocidade, regate e disparo a porta, “estar convocada coa Selección Galega é un paso bastante grande, xa que podes ter un futuro máis adiante”. “Vexo ao equipo moi ben -apuntou- e con moita intensidade. Penso que podemos gañar”.