Os mellores deseños das tendas locais exhibiranse nas rúas e prazas a través do proxecto ‘Pontevedra, Cidade de Moda’

135

Dar visibilidade e publicidade a diversos establecementos de moda, calzado, complementos, decoración e interiorismo da cidade, poñéndoos en valor e facéndoos partícipes de spots publicitarios nos que as nosas rúas e prazas se converterán en pasarela e estudo de fotografía, son os principais obxectivos da iniciativa ‘Pontevedra, Cidade de Moda’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración con 6 modelos e 12 fotógrafos convidados. O proxecto, coordinado polo fotógrafo Emi Ramírez, traducirase en dous ‘shootings’ que se desenvolverán mañá pola tarde e o vindeiro venres 27 de maio e incluirá a rodaxe dun ‘fashion film’ con tódolos deseños e tendas e a publicación das imaxes nunha revista de moda internacional, así como un vídeo do making of do traballo tralas cámaras e un dossier fotográfico.


A concelleira de Promoción Económica e Igualdade, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asistirán mañá pola tarde á xornada inaugural destas sesións de ‘street fashion’, que contará coa participación das firmas Mission Surf Shop, Urban Culture Factory, Delirious, Mirlo, Pasarela, Musical Pontevedra, Peregrina 2 e Quomo. Tal e como avanza Blanco, “as rúas transformaranse nun grande estudo fotográfico con 3 modelos profesionais e 6 fotógrafas de distintas provincias galegas, contándose con escenarios e mobiliarios a cargo dos locais especializados en decoración e interiorismo”.


Os ‘shootings’ levaranse a cabo nos seguintes horarios e emprazamentos:


– De 16:30 a 17:30 horas no contorno da Glorieta de Compostela (Fonte dos Nenos): o mobiliario o porán Mission e Urban Culture e os vestiarios Mission.

– De 17:30 a 18:30 horas, nas inmediacións da Sidrería Montañés: con vestiario e calzado de Quomo e mobiliario de Musical Pontevedra.


– De 18:30 a 19:30 horas, na Praza da Peregrina, con vestiario de Delirious, calzado de Pasarela e mobiliario de Mirlo e Peregrina 2.


Tralo éxito da pasarela de perruquería e estética Rizando o Rizo, a concelleira Yoya Blanco está convencida de que esta ‘Pontevedra, Cidade de Moda’ terá “un efecto moi positivo para unha urbe como a nosa, na que o comercio a pé de rúa impera, hai un grande número de tendas de moda e contamos cun Campus Universitario que alberga os títulos de Belas Artes, Deseño de Moda e Publicidade”. “Hai un caldo de cultivo inmellorable -sinala a edil do PSOE- que temos que explotar. Empregaremos as redes sociais como canle para xerar unha cadea publicitaria”.


Como concelleira de Igualdade, Blanco tamén amosa a súa satisfacción polo feito de que este proxecto fomente a igualdade e o compañeirismo, “con fotógrafos e fotógrafos, modelos masculinos e femininos, de diferentes lugares e razas”.


A seguinte sesión deste proxecto celebrarase o venres 27 de maio nos contornos da igrexa de Santa María e o Liceo Casino.