Desenvolvemento Sostible pon en marcha as obras de arranxo integral e mellora do parque infantil do Mirador de Monte Porreiro

26

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, desprazouse esta mañá ata o parque infantil do Mirador de Monte Porreiro para supervisar a marcha dos traballos de arranxo integral e mellora que o seu departamento está a acometer nesta zona de xogos. A actuación abrangue a renovación de todo o pavimento de area, o pintado dos xogos, a revisión de parafusos, tapóns e elementos de seguridade, o cambio dun resorte e a adaptación dos bambáns para que o parque cumpra as normativas autonómica e europea en materia de seguridade e acadar a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac).


“O proxecto contempla o cambio de todo o valo perimetral de madeira, que será de cores, para que teña unha estética acorde a un parque para nenos e nenas pequenos como este. Ademais, mellorarase a zona dos bancos, que ten uns muretes perimetrais. Agardamos que a intervención poida estar rematada nesta mesma semana”, explicou o socialista Iván Puentes, quen indicou que, no seu conxunto, esta intervención suporá un investimento duns 5.000 euros. 


Segundo avanzou, dentro desta mesma contratación tamén se atopa o arranxo e mellora do parque infantil do Praza de Europa, incluíndo o pavimento de céspede artificial e os distintos elementos. “Estas obras -asegurou Puentes- iniciaranse unha vez que se rematen as do Mirador”.


Roubo de plantas e flores


O Servizo Municipal de Parques e Xardíns denunciou ante a Policía Local as recorrentes agresións ás zonas axardinadas e subtraccións de plantas e flores que se producen no contorno do parque da Alameda, a última delas acontecida nos maceteiros da cabeceira que dá cara ao monumento aos Heroes de Ponte Sampaio. Iván Puentes lamenta que se produzan “estes roubos tan insolidarios, que só prexudican o traballo dos operarios do Servizo e, por suposto, ao resto da cidadanía de Pontevedra”.