Pontevedra avanza na organización da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón que terá lugar no ano 2023

63
O Comité Organizador aprobou o percorrido que será presentado á Federación Internacional e que introducirá un sector ciclista máis técnico, na contorna do Lérez
O alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que o evento principal pode achegar até a cidade a máis de 15.000 persoas entre deportistas, corpos técnicos e espectadores 

A Gran Final das Series Mundiais do Triatlón que acontecerá no ano 2023 na cidade de Pontevedra está destinada a ser un dos eventos deportivos máis grandes de todo o Estado. Tal é a expectación e o traballo que implicará, que esta mañá, no Concello de Pontevedra, constituíuse o Comité Organizador que tamén xestionará a realización da Copa do Mundo de Triatlón programada para este verán, o 24 de xullo.

Tal e como xa foi sinalado noutras ocasións, alén da importancia que ten esta Copa do Mundo, na práctica servirá como un laboratorio de probas de cara a esa Gran Final das Series Mundiais, un evento no que testear o novo circuíto, xestado para gañar en visibilidade, tento en conta que a cita do 2023 será emitida a todo o mundo a través da televisión. Nese sentido, O CGTD funcionará como base de operacións, situándose a proba de natación na ponte dos tirantes e, como novidade, será proposto á Federación Internacional, un sector ciclista máis técnico na contorna da ría. A carreira a pé será a mesma que a habilitada nas probas do ITU Multisport de 2019, atravesando o centro histórico.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o Comité Organizador estará presidido polo presidente da Federación Española de Triatlón, Jorge García, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, representado esta mañá polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o presidente da Federación Galega de Triatlón, o presidente do Consello Superior de Deportes e el mesmo, como rexedor da Boa Vila. Tamén haberá un comité executivo, en delegación do comité organizador, que terá un carácter máis técnico.

«Estivemos vendo datas, conversando e tratando diversos asuntos nesta reunión, aínda que o único que está realmente pechado e esa data, a do 24 de xullo, o día que celebraremos a Copa do Mundo. Aprobamos, iso si, o percorrido das competicións elite, un circuíto que se probará xa neste 2022», explicou o alcalde, que tamén lembrou a importancia capital destes dous eventos, focalizando máis o segundo, ao poder, segundo as previsións, traer até a cidade a máis de 15.000 persoas entre deportistas, equipos deportivos e espectadores.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, lembrou que por parte da Xunta é importante «felicitarnos» por ter a capacidade «de unirnos as tres administracións públicas e apostar por un evento deportivo desta clase». «Pontevedra xa organizou moitras probas no ámbito do triatlón, e esta Copa do Mundo do 2022 será un valioso test para as finais das Series Mundiais. Pontevedra e Galicia están preparadas para acollelo, e debemos sinalar o traballo realizado polo CGTD ao longo destes anos, sendo un dos eixos principais nestas citas».

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou o compromiso e o «traballo conxunto» entre as tres administracións participantes no comité, Xunta, Concello e institución provincial, para apoiar tanto a Copa do Mundo de Triatlón deste ano como a final das Series Mundiais, «o evento internacional máis importante que se vai desenvolver no Estado español no 2023». Neste senso, apuntou a necesidade de sumar máis administracións e ao sector privado «porque estes grandes eventos deportivos atraen a miles de persoas a esta provincia, xa que aínda que se desenvolven na cidade de Pontevedra van ter impacto en toda a contorna». Carmela Silva cualificou á Pontevedra como «a capital do triatlón» e destacou que se seguirá traballando para consolidar a capacidade da cidade, da provincia e de Galicia para «atraer estes eventos de grandísimo nivel». 

«Queremos que o deporte sirva para ensinar a cidade e que fagamos un circuíto que sexa o suficientemente técnico e sexa o suficientemente atractivo para os deportistas e os espectadores», explicou Jorge García, presidente da Federación Española de Triatlón.