Os Xardíns que Falan conmemoran o 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente cunha espectacular intervención artística e floral

93

Os Xardíns que Falan volven sacar o seu lado máis reivindicativo co gallo do 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente (que se celebra este domingo 5 de xuño) a través dunha espectacular intervención artística e floral realizada na Praza da Ferrería e protagonizada por un enorme globo terráqueo suxeitado por unha man que se lle serve de soporte. O novo arranxo que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural lle encomendou á firma especializada Troquiña está presidido por un cartel conmemorativo co lema ‘A Terra é quen máis ordena!’ e unha fantástica composición floral cunha enorme variedade de especies: gunnera manicata, salvia nemorosa Blue Queen, hedra, hosta, leptospermun Mesmer Eyes, achillea milefolium Paprika, andrómeda polifolia Nikko, limonium perezii e Rosal de Fairy.


O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata os xardíns de San Francisco, acompañado polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e polos edís socialistas Yoya Blanco e Marcos Rey, para supervisar o resultado “dunha das intervencións artísticas máis impresionantes das que se teñen feito no marco do proxecto Xardíns que Falan, impulsado coa finalidade de converter os xardíns da rede Verde Urbano de Pontevedra en espazos dinámicos, comprometidos, reivindicativos, con mensaxe e que conversen coa cidadanía”. 


Os concelleiros socialistas participarán esta tarde ás 18:30 horas na Casa das Campás nun acto protagonizado por Marc Pons, director de Gabinete da Vicepresidenta Terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España, Teresa Ribera, e secretario de Transición Ecolóxica Xusta e Preservación da Biodiversidade da Comisión Executiva Federal (CEF) do PSOE , baixo o lema ‘Unha soa Terra, non hai planeta B’. O evento será presentado pola subdelegada do Goberno e secretaria xeral da Executiva Municipal do PSdeG de Pontevedra, Maica Larriba, e plantexará un diálogo no que intervirán, ademais do propio Marc Pons, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a parlamentaria Paloma Castro, covoceira de Medio Ambiente do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia. 

No acto intervirán o secretario xeral provincial do PSdeG, David Regades, e o secretario de Organización da Comisión Executiva Nacional do PSdeG, José Manuel Lage, que se encargará de pechalo.


O Concello súmase ao ‘apagón’ convocado no marco do proxecto europeo ‘People and Planet’

Por outra banda, o Concello de Pontevedra decidiu sumarse, xunto cunha vintena de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ao ‘apagón’ convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se conmemora baixo o lema #OnlyOneEarth. Deste xeito, o domingo, a partir das 23:00 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, igrexas, torres e outros monumentos coa finalidade de concienciar sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.