A Forza tomará a Illa das Esculturas este sábado no II Rastrexo Infantil ‘Os Jedi en Pontevedra’

233

Os pequenos cabaleiros Jedi medirán a súa forza, pericia e intelixencia en Pontevedra a vindeira fin de semana no II Rastrexo Infantil organizado pola Anpa Andaina do CEIP A Xunqueira II, en colaboración coa Concellería de Deportes e Educación, para celebrar o día da familia. A proba, cuxa primeira edición tivo lugar antes da pandemia e que este ano ten como temática a saga de Star Wars, desenvolverase o sábado 11 de xuño a partir das 9:00 horas (con saída desde o patio do CEIP A Xunqueira), cun percorrido que discorrerá pola Illa das Esculturas.


Están convidados a participar neste rastrexo tódolos nenos e nenas que estean cursando Primaria en calquera centro educativo do concello de Pontevedra, podendo inscribirse aínda ata mañá por 1 euro por persoa a través do enlace anpaandaina.wordpress.com ou do teléfono 686 79 33 37. Cada equipo estará composto por un mínimo de 6 e un máximo de 10 participantes, dous dos cales serán adultos, e deberá ir equipado cun compás (brúxula), un caderno e un bolígrafo. Ademais, o capitán levará un chaleco reflectante.


“Sen isto non poderán rematar o rastrexo, pois o percorrido o irán descubrindo seguindo os puntos de compás que lles serán entregados na saída. Ademais, ao longo do itinerario deberán atopar as letras que andarán agochadas para formar unha frase con elas ao chegar ao final”, explicou esta mañá a organizadora da proba, Carolina Souto, membro da Anpa Andaina, nun acto de presentación no que estivo acompañada polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e maila secretaria da Anpa, Natalia Alonso. 


Baixo o título ‘Os Jedi en Pontevedra’, os equipos irán realizando unha serie de probas relacionadas coa temática de Star Wars, que, como apuntou o concelleiro de Deportes, “poden ser tanto físicas como de pericia ou intelixencia”. Segundo subliñou Fernández, “este tipo de rastrexos son aínda pouco coñecidos na cidade, pero cos excelentes resultados que tivemos na súa primeira edición, a diversión e o éxito desta actividade están máis que asegurados”. “Agárdase moita asistencia e que os nenos e nenas o pasen en grande con esta aventura contra o Imperio. Haberá premios para os tres primeiros clasificados, algunha que outra sorpresiña -anticipou o edil socialista- e, grazas á colaboración do grupo Froiz, un avituallamento á metade do percorrido para que os pequenos Jedi recuperen forzas”.


Tino Fernández agradeceu o esforzo do CEIP A Xunqueira II “por sacar adiante este tipo de iniciativas que nos axudan a animarnos despois dunha pandemia que nos deixou bastante tristeza e depresión e que tamén serven para aplicar coñecementos”. “Se o vencellamos ademais a Star Wars, para un que é un fanático dese tipo de películas, e nun espazo fantástico como a Illa das Esculturas, pois a verdade é que anima moito”, apuntou o edil socialista.


Segundo explicou Carolina Souto, os rastrexos son algo moi sinxelo, que consiste “en realizar un percorrido orientándonos por puntos de compás, que sempre recomendamos que sexan magnéticos, xa que non fallan”. “Nós dámoslles un papeliño ao saír -precisou- e teñen unha serie de puntos marcados de compás agochados por aí, e cando atopen un, deben seguir os graos que se lles marcan e seguir o compás. Nese percorrido irán atopando probas físicas, de pericia, de picardía, de equipo, de compañeirismo… É importante que os rapaces volvan desfrutar de estar ao aire libre, da natureza, da Illa das Esculturas, que a temos aí ao lado e é un paraíso. Ademais, os adultos van de capitán, pero o que porte o compás vai ser sempre un neno e son eles os que realizan as probas”.


Souto avanzou que “haberá moitas sorpresas”, entre elas “a presenza dalgunha personaxe que lles gusta moito aos nenos para facer fotos (Darth Vader xa confirmou asistencia, e prevese que tamén este R-3PO)”.