Lérez Up, o evento promovido polo Concello de Pontevedra para unir novas tecnoloxías, videoxogos e ocio xuvenil

123
A cita está deseñada en colaboración coa asociación local Gaming Troop e comezou a súa xestación hai xa dous anos, mais a pandemia frustrara a súa estrea
Alén de sede para campionatos de deportes electrónicos, o Recinto Feiral funcionará entre o 27 e o 28 de agosto como epicentro da cultura ‘gaming’ e a cultura friqui de todo o país 

O concelleiro de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, presentou esta mañá de mércores, 8 de xuño, unha nova cita para a cidade de Pontevedra. É un evento que mesturará novas tecnoloxías, videoxogos, competición e ocio a distintos e variados niveis, cunha idea clara de ofrecer un espazo seguro e amable para toda a mocidade —e tamén adultos— que gocen da cultura friqui.

Baixo o nome de Lérez Up, nace unha cita deseñada e creada en colaboración coa asociación pontevedresa Gaming Troop, que vén traballando co Concello de Pontevedra ao longo dos últimos anos con distintas accións de divulgación, ocio e socialización. 

Terá como escenario o Recinto Feiral da Boa Vila, entre os días 27 e 28 de agosto, co horizonte final do estío. «É un evento no que levamos traballando coa asociación varios meses, pero que tivo que ser parado no seu día polo tema da pandemia, pero que agora retomamos e que está xa totalmente enfocado», explicou Oubiña. «Hoxe presentamos o que temos pechado ao cen por cen, pero na práctica o evento seguirá medrando de aquí e até o seu día».

De entrada, a cita ofrecerá unha serie de torneos competitivos, distribuídos en tres títulos diferentes: League of Legends, Super Smash Bros. Ultimate e Valorant; mais tamén haberá seccións de xogo libre, e espazos para desenvolver outro tipo de actividades como un certame de cosplay, xogos ao aire libre, exposicións, conferencias e diferentes stands relacionados coa cultura friqui. «Queremos que sexa un espazo de encontro xuvenil onde atoparse ao redor da cultura friqui, do videoxogo e tamén da tecnoloxía. Este é un eido no que cada día conviven máis persoas e mesmo desenvolven as súas vidas, ben por interese de ocio, ben por interese laboral», sinalou o edil.

Desde a asociación Gaming Troop, a súa representante, Sonia Piñeiro, recalcou a ledicia que sentían «ao darnos o Concello de Pontevedra un espazo coma é o Recinto Feiral para poder ter un evento deste calibre». A agrupación local  posuía antes da pandemia un local de seu ao que tiveron que renunciar por mor das medidas sanitarias tomadas durante a crise sanitaria, espazo onde realizaban a actividade que máis lles enchía, que non era outra que «xogar xuntos». «Que por fin, no sur de Galiza, en Pontevedra, que poidamos gozar do noso, darnos a coñecer e facelo así… énchenos moito e aínda temos moito por anunciar».

A día de hoxe as inscricións xa están abertas, e nalgúns campionatos, coma é caso de Super Smash Bros. Ultimate, xa hai máis de 80 persoas anotadas. Este será o único dos torneos que conta cunha inscrición de pago.

Todas as inscricións, ademais de máis información sobre o desenvolvemento dos torneos, está dispoñíbel na páxina oficial da asociación https://gamingtroop.es/