A reordenación do tráfico en Palamios complétase co cambio de sentido das ribeiras dos Peiraos e dos Gafos a partir do venres

216

O Concello iniciará nesta semana a instalación da sinalización horizontal e vertical nas rúas Ribeira dos Peiraos e Ribeira dos Gafos que cambiarán de sentido (a primeira saída de saída e a segunda de entrada ao barrio) para tratar de reducir o tráfico de paso que circula pola rúa Palamios para entrar na cidade. 

O Concello de Pontevedra completará o vindeiro venres, 17 de xuño, a reordenación da rúa Palamios co cambio de sentido de circulación das rúas Ribeira dos Peiraos e Ribeira dos Gafos. A primeira -agora de entrada cara o barrio de San Roque- será de saída; e a segunda -agora de saída- será de entrada ao barrio. O departamento de Mobilidade que xestiona Demetrio Gómez agarda que esta medida permita reducir o incremento de tráfico da rúa de Palamios derivado do peche ao tráfico rodado de Raíña Vitoria.

A instalación da sinalización horizontal e vertical farase ao longo da vindeira semana e está previsto que o cambio de sentido sexa efectivo o venres, 17 de xuño. A nova sinalización estará indicada nos portais do barrio para informar ás comunidades de residentes no barrio.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou que esta medida crea un sentido lóxico de circulación semellante ao dunha rotonda, e aínda que supoña arredor de 150 metros máis de circulación en coche para a veciñanza da rúa, o departamento entende que gañará en calidade de vida xa que Palamios non estaba preparada para asumir o volume de tráfico actual.

O cambio de sentido de tráfico desas dúas rúas completa a intervención prevista polo Concello de Pontevedra no barrio de San Roque para reaxustar o tráfico.

Nestes últimos meses substituíuse a capa de rodadura de San Roque de Abaixo, entre Palamios e Corpo Santo; instalouse un novo paso de peóns sobreelevado na Ribeira dos Peiraos; elevouse o cruzamento de Ribeira dos Peiraos e da Pontenova para garantir a accesibilidade;  elevouse o paso de peóns de Palamios á altura das escaleiras que soben cara Raíña Vitoria; elevouse o paso de peóns diante da escola infantil en San Roque de Abaixo; instalouse un redutor de velocidade no final de Palamios na traseira do Sánchez Cantón, que quedou sinalizado como zona de convivencia con prioridade peonil e velocidade 10km/h; construíuse unha orella no entronque de Corpo Santo con San Roque de Abaixo; e cambiouse o sentido de circulación da rúa San Roque de Abaixo con acceso limitado a residentes e servizos.