Iniciadas as obras para a creación do vial perimetral do novo hospital de Montecelo

50
O Concello de Pontevedra dá un paso máis nos compromisos asinados para dotar a cidade dun novo hospital cunha obra que terá un prazo de execución de 12 meses 

A concelleira Carme da Silva deu conta esta mañá da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora da mañá nas dependencias do Concello de Pontevedra. Entre os asuntos tratados alén dos contidos na orde do día, figurou o inicio da execución das obras para a creación do viario perimetral de Montecelo, que comezaron este mesmo luns.

«O Concello dá máis pasos aínda no compromiso coa obra do novo hospital. Este é un vial que bordeará as instalacións, deixando o que agora utilizamos para acceder a Montecelo para uso propio do hospital», lembrou Carme da Silva. «No seu día xa foi informado que este vial terá un carril de circulación en cada sentido, con varias rotondas e cunha velocidade máxima de 30 quilómetros/hora».

A edil sinalou que este vial forma parte dos compromisos asinados polo Concello á hora de dotar a cidade dun novo hospital público, como foi a instalación dun sistema de abastecemento de auga, que lle permitirá ter unha subministración de auga garantida. «Hoxe é un día importante paras obras do hospital», finalizou da Silva. 

Cómpre lembrar que o contrato desta actuación foi adxudicado á empresa Elsamex por un prezo de 1.169.479 euros, e conta cun prazo de execución de 12 meses. O prezo de licitación inicial fora de 1.369.951 euros.