O Orgullo volve saír ás rúas de Pontevedra para reivindicar a memoria do colectivo LGBTIQA e lembrar que ningunha conquista é irreversible

62

Visibilizar a memoria do colectivo LGBTIQA e lembrar que ningunha conquista de dereitos é irreversible son as principais reivindicacións que centran o programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade de Pontevedra e maila asociación Avante LGBT+ co gallo do 28 xuño, Día Internacional  do Orgullo. Entre os actos festivos, culturais e conmemorativos incluiranse unha variada oferta de faladoiros e contacontos, a Mostra Internacional de Cinema ‘Ambienta’ e, o sábado 2 de xullo, unha Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos e unha manifestación que saíra da praza do Hospital Provincial.


O programa porase en marcha este martes 21 ás 12:30 horas coa presentación da instalación artística ‘Memoria LGBTIQA’ no balcón da Casa da Luz. “A bandeira LGBT volverá despregarse -avanza a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco- e nesta ocasión as palabras Orgullo e Memoria estarán ben visibles para lembrarnos a historia da loita do colectivo, que non podemos dar nin un paso atrás e que, evocando as verbas da poetisa portuguesa Ana Luísa Amaral, ningunha conquista é irreversible”.


Tal e como subliña a socialista, “neste Orgullo imos rememorar certos fitos históricos que marcaron a cronoloxía da batalla a prol da diversidade e a igualdade: 1901, primeira voda entre dúas mulleres co casamento de Elisa e Marcela na Coruña; 1969, inicio da loita organizada polos dereitos LGBT e revolta de Stonewall en Nova York; 1977, primeiro colectivo LGBT organizado en Galicia, a Fronte Galega de Liberación Homosexual; 1978, eliminación dos artigos que perseguían a homosexualidade dentro da ‘Ley de peligrosidad y rehabilitación social’; 1981, Vigo acolle a primeira Manifestación Galega do Orgullo; 1982, primeira Comisión de Lesbianas no Movemento Feminista organizado, a Asociación Galega da Muller (AGM); 1990, eliminación da homosexualidade da lista de Enfermidades Mentais por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS); 1999, primeiro debate sobre a realidade trans no Parlamento Galego; 2005, aprobación do matrimonio igualitario en España (o terceiro país a nivel mundial); 2015, primeira persoa menor de idade que acada o cambio rexistral de identidade en Galicia…”.


Xantar Colorido e sesións vermú, tardeo e noite na Festa do Orgullo

Yoya Blanco asegura que “ademais desta condición fortemente reivindicativa, o Orgullo pontevedrés manterá tamén a natureza festiva e cultural que caracteriza ao programa municipal Pinto e Maragota, cunha Festa do Orgullo que se celebrará no parque dos Gafos o sábado 2 de xullo e que dará comezo ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada pola música de ‘Llegamos tarde’ DJ’s”. “A continuación, ás 14:30 horas, teremos un Xantar Colorido, no que haberá un posto de venda de comida e bebida e no que, por suposto, cada un poderá levar o seu xantar. Xa pola tarde, desde as 16:00 horas, teremos unha Sesión Tardeo co espectáculo de Ariezzz DJ e Meiga-i, ‘A Drag Pandereteira’, un obradoiro drag con Chex Nova e un taller ‘Pinta e Colorea’, no que poderán elaborarse as pancartas para a manifestación que sairá ás 20:00 horas do Provincial e que levará por lema ‘Reivindicando a nosa memoria… A festa continuará en sesión de noite, entre as 21:30 e a 1:00, con actuacións de ‘Llegamos tarde’ DJ’s e Ariezzz DJ e un concerto de Bratzantifa”, indica a edil do PSOE.


A programación cultural do Orgullo Pontevedra 2022, a cargo da asociación Avante LGBT+, desenvolverase entre os días 27 de xuño e 1 xullo. Ademais dos pases incluídos dentro da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra ‘Ambienta’, tamén poderemos desfrutar do taller Contos de Cores, unha actividade infantil (4 a 10 anos) que se realizará o luns 27 ás 19:00 horas na Librería Seijas (avenida de Vigo, 13), con Alba Blanco (as prazas poden reservarse no email libreriaseijas@yahoo.es); un Club de Lectura Avante LGBT+ que terá lugar o martes 28 ás 18:30 horas na Librería Paz (rúa Peregrina, 29), onde tamén se presentará, ese mesmo día ás 19:30 horas, o libro ‘A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza contemporánea (Xerais), coa participación da súa autora, Daniela Ferrández; un encontro coa actriz, política socialista e activista trans Carla Antonelli o mércores 29 ás 20:00 horas na Praza da Pedreira; un Contacontos Diverso a cargo de Mun Mintaka no Bar La Hormiga (Campiño de Santa María) o xoves 30 ás 18:00 horas; unha palestra arredor da realidade trans no Banco Trans dos Xardíns de Vincenti (parque das Palmeiras) con Brais Papiri, Alicia Arruti e Nee Barros (o xoves 30 ás 20:00 horas), e un faladoiro titulado ‘Saúde sexual. Desmontando mitos’, con Hadrián Pernas, o venres 1 de xullo ás 20:00 horas no Gastroespazo do Mercado de Abastos.


A programación da mostra Ambienta pode consultarse na páxina web www.ambienta.gal