Transición Ecolóxica publica a resolución definitiva que ratifica a subvención de 2 millóns de euros para destapar o río dos Gafos

134

A Fundación Biodiversidade, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de facer pública a resolución definitiva pola que se conceden as subvencións da súa convocatoria para o fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. A resolución asinada pola directora da Fundación, Elena Pita, ratifica a adxudicación da axuda procedente dos fondos europeos Next Generation para o paquete de proxectos presentado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural cun valor global de 3.958.629,48 euros sen IVE (4.789.941,67 euros sumando o IVE), dos que a Fundación Biodiversidade financiará nun 95% tanto os 3.657.282,38 millóns que corresponden á parte do orzamento do Concello (3.474.418,25 €) como os 301.347,11 euros que corresponden ao da Universidade da Coruña (286.279,75 €), que tamén colabora nalgún dos proxectos (deses 3,6 millóns, o Concello de Pontevedra asumiría polo tanto o 5% restante e mailo IVE, sumando deste xeito, coa parte da Universidade, un investimento de máis de 4,7 millóns de euros).


Entre as actuacións propostas inclúese o plan do departamento que dirixe o socialista Iván Puentes para destapar o treito urbano do río dos Gafos, ao seu paso por Campolongo, e convertelo nun fermoso parque fluvial dun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón de Pontevedra. Unha intervención estratéxica que recibirá concretamente unha achega económica duns 2,3 millóns de euros (co IVE) e que mellorará a calidade de vida de tódolos pontevedreses.


Tal e como subliñou Iván Puentes, “á marxe da boa nova que supón a concesión definitiva destes fondos europeos, hai que salientar o feito de que, das 99 candidaturas presentadas a esta convocatoria da Fundación Biodiversidade, só se aprobaron 18 en toda España e a de Pontevedra foi a única que se aprobou en toda Galicia”. “Ademais, a proposta da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural -precisou o concelleiro do PSOE- foi a cuarta que recibiu máis puntuación, a tan só un punto do proxecto que levou máis puntos”.


Un PXOM dos nosos espazos verdes

A proposta remitida a finais do ano pasado á Fundación Biodiversidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible plantexouse como un plan destinado a desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial, a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático.


Deste xeito, entre os obxectivos recollidos tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e ademais incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas. Unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pero de espazos verdes, á que se destinará unha achega de 91.581,74 euros (110.813,90 euros co IVE) e que é un documento estratéxico que a UE nos vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan como finalidade o compoñente medioambiental.


Ademais, entre as accións concretas recóllense a mellora ecolóxica e paisaxística no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (a carón do Lérez), coa inclusión dun sistema de drenaxe sostible, cun orzamento de 923.456,51 euros (1.117.382,37 € con IVE); a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras como acacias, eucaliptos e cangrexo americano, cun orzamento de 304.571 euros (uns 368.530 € con IVE), e a recuperación ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), cun orzamento de 157.569,40 euros (máis de 190.000 € co IVE).


O plan de recuperación e restauración ecolóxica do treito urbano do río dos Gafos para o que se concedeu subvención abrangue un primeiro tramo cunha extensión de 330 metros do total de 540 que se atopan actualmente soterrados, é dicir, máis da metade dos que se pretenden recuperar. Con esta actuación lograríase avanzar na creación dun corredoiro ecolóxico en plena cidade, permitindo conectar o ecosistema natural do río dos Gafos, no seu treito periurbano (recoñecido como Espazo Natural de Interese Local), co tramo descuberto existente antes da desembocadura na ría de Pontevedra (para o que tamén hai xa en marcha unha intervención de rexeneración ambiental cun investimento de 600.000 euros). 


O Ministerio para a Transición Ecolóxica marcou como prazo para poder executar todos estes proxectos o mes de xullo de 2025. Aos case 5 millóns de euros de financiamento da Fundación Biodiversidade, hai que sumar outros 3 millóns de euros de fondos europeos xa concedidos ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino das concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Turismo (2 millóns) e polo proxecto para actuar no Ben de Interese Cultural (BIC) das ribeiras do Lérez (1 millón).