O Concello de Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión cos municipios que se abastecen en alta do Lérez co fin de crear un grupo de seguimento e prevención
O bando, que entra en vigor este martes, busca concienciar no uso da auga, prohibe o uso da auga para encher piscinas, regos e limpeza de coches particulares; reduce os consumos municipais, promove a instalación de dispositivos de aforro doméstico e ínstalle ás empresas e industrias a minimizar o consumo
A concelleira Carme da Silva compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno celebrada a primeira hora da mesma. O asunto que máis tempo ocupou da nomeada reunión foi a análise da situación de seca que o municipio está a vivir.
Tal e como foi anunciado a semana pasada, o Concello de Pontevedra vén de tomar unha serie de decisións en base á evolución do río. «A semana pasada tivemos unha reunión con Augas de Galiza na que xa transmitimos a nosa preocupación e na que preguntamos se tiñan pensado tomar algún tipo de medida a curto prazo. Nesa conversa nos informaron que estaban á espera e que logo decidirían, como foi a parálise no abastecemento a Ence, que era insostíbel ao estar o río por baixo do seu caudal ecolóxico», lembrou a edil.
«Nesta última semana tamén ultimamos e aprobamos o Plan excepcional de actuacións ante situación de escaseza conxuntural e do que hoxe lle demos coñecemento ao resto da Xunta de Goberno», explicou da Silva. «Este plan ten unha serie de parámetros que se resumen na táboa final do documento en función da situación na que se estea. O parámetro máis importante e o que nos ofrece o caudal do río».
Así, existirían catro tipos de situacións: normalidade (cun caudal maior a 1,82 m3/s), prealerta (entre 1,82 e 1,17 m3/s), alerta (entre 1,17 m3 e 0,87 m3/s) e emerxencia (por baixo dos 0,87 m3/s).
Dentro dos tres primeiros está asegurado o abastecemento de auga a todos os concellos que a captan en alta (Bueu, Marín, Sanxenxo e Poio). Só na última, a de emerxencia, está contemplado o uso da auga do Pontillón do Castro. Porén, a edil lembrou que a actualidade é cambiante, polo que é preciso tomar medidas paralelas, como e o fomento de da concienciación, campañas de información ou a unha revisión e peche de acometidas sen uso.
O plan excepcional contempla reunións diarias para analizar e comentar a situación e tamén un grupo de información de seguimento do plan. «É lóxico crear un grupo con todos os concellos e esa e a reunión que hoxe convocamos», sinalou da Silva.
Doutra banda, o bando aprobado hoxe na Xunta de Goberno Local recolle as medidas de redución do consumo de auga do abastecemento municipal por mor da situación de prealerta por seca e baixa do caudal do río Lérez. Estas medidas son as seguintes:
- Concienciar do uso sostible da auga por parte de toda a cidadanía
- Prohibir o uso de auga apta para consumo humano para encher piscinas particulares, regos de xardíns e limpeza de coches por particulares, etc.
- Reducir os consumos municipais (baldeos das rúas, regos de xardíns, fontes ornamentais, e outros)
- Promover a instalación de dispositivos de aforro doméstico así coma doutras medidas para evitar o uso innecesario da auga, tales coma a utilización de sistemas de aforro de auga nas billas, pechar a billa durante o cepillado ou empregar a ducha no lugar do baño para evitar o uso de auga innecesaria.
- Instar ás empresas e industrias a minimizar o consumo e a un uso razoable da auga do abastecemento municipal, tendo en conta que o uso prioritario é o do abastecemento á poboación.
«Estámonos anticipando a un escenario de maior alerta porque é fundamental que a poboación tome conciencia deste asunto», indicou a edil responsábel do Ciclo da Auga. «Segundo a evolución do río sabemos que os escenarios poden mudar en cuestión de días. Se o río se comporta tal e como estes días, de xeito estable, é posíbel que tardemos en entrar no escenario de alerta, pero é un escenario que se pode producir. Cremos que é máis razoable indicar hoxe esta serie de medidas, froito da reflexión cos servizos técnicos, que xa apostan por certas prohibicións, e non dicir hoxe que se recomenda e en tres días que se prohibe. É máis simple desde xa que non se permitan certos usos e non confundir a poboación».
Unha reunión para poñer coñecementos en común e acordar un seguimento conxunto
Tal e como estaba previsto, hoxe pola mañá produciuse a reunión entre todos os concellos que captan a auga do Lérez en alta —Ponte Caldelas faino en baixa— co Concello de Pontevedra, agás Sanxenxo, que declinou participar na xuntanza.
A concelleira Carme da Silva conversou e informou da situación actual e dos plans do Concello perante o contexto de seca con representantes dos municipios de Bueu (o alcalde, Félix Juncal) Marín (a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín) e Poio (o alcalde, Nito Sobral). Da Silva entregoulles o plan excepcional e puido poñer en común a «enorme preocupación que temos pola situación do abastecemento e porque haxa que tomar nalgún tempo máis medidas restritivas».
«Quedamos en que teremos reunións de carácter periódico, unha por semana, e que terán un formato telemático, non é preciso, por comodidade e eficacia para todos e todas, que sexa presencial», indicou a edil pontevedresa. «Iremos vendo e traballando nas alternativas segundo evolucione o río e as outras opcións de abastecemento coas que contan os outros municipios. Tamén temos previsto falar co Concello de Ponte Caldelas. Sexa como for, todos temos claro que é preciso tomar medidas de redución do consumo e ir vendo como avanza a situación».