Unha viaxe até a Idade de Bronce para volver contactar coa natureza, o monte e outros xeitos de vivir grazas a Ponteverán

36
O campamento ‘Regreso á prehistoria’ xuntou un grupo de rapaces e rapazas que (case) viviron como hai miles se vivía na parroquia de Salcedo
O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, visitou á cativada no seu último día co fin de animalos a seguir gozando deste tipo de actividades programadas polo Concello de Pontevedra 

As cabanas prehistóricas do parque etnoarqueolóxico de Salcedo foron o fogar, ao longo dos últimos días, duns visitantes especiais. Un grupo de rapaces e rapazas de entre 13 e 14 anos durmiron, comeron e conectaron cun xeito concreto de vivir que cada vez semella máis esquecido. A través do programa Ponteverán, promovido pola área de Xuventude do Concello de Pontevedra, promociónanse e ofértanse actividades lúdicas e de ocio diversas e eclécticas, amais de afondar na aprendizaxe, a socialización e o coñecemento do medio natural como é neste caso.

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, acompañado do presidente da comunidade de montes de Salcedo, Fernando Pintos, achegouse esta mañá até o poboado prehistórico construído por este colectivo, no monte de San Martiño, no lugar coñecido como Chan das Mouras, unha contorna rica en arte rupestre que conta con estas vivendas desde o ano 2017, intre no que foron deseñadas dentro dun proxecto de arqueoloxía experimental, logrando unhas réplicas moi próximas ás construcións da Idade de Bronce.

É neste privilexiado lugar onde durante tres días, un grupo de crianzas pontevedresas, gozou do campamento ‘Regreso á prehistoria’. Sen móbiles, sen camas, sen aire acondicionado e sen moitos deses avances tecnolóxicos que fan a vida bastante máis sinxela. Dun modo didáctico, en contacto coa natureza, a divulgación e a aprendizaxe social; o grupo de nenos e nenas cociñou estes días, aprendeu a facer lume, observou as estrelas e baseou o seu entretemento na oralidade e nas historias, no pracer do campo, en espertar cos primeiros raios de luz e en durmir cando a noite xa é pecha.

Rafael Quintía, un dos monitores encargados da actividade, sinalou que este é un campamento incríbel para «desconectar de todas esas pantallas que nos rodean no día a día», máis aínda no caso das crianzas, «un campamento sen estrés de ningún tipo» e onde «poden ver que hai vida máis aló da que coñecemos nos nosos fogares». Ademais, os nenos e nenas puideron comprobar como a recuperación do monte, con accións como a eliminación de especies invasoras como a acacia ou o eucalipto, favoreceron a recuperación de mananciais, mananciais que eles mesmos empregaron estes días para beber e lavarse.

«O Concello quere agradecerlle a comunidade de montes de Salcedo a posibilidade de empregar este espazo para estas actividades, amais de parabenizalos novamente polo traballo de conservación e posta en valor do monte que están a facer na zona», sinalou o edil. «Estamos a gozar dun verán moi bo, onde case todas as actividades de Ponteverán están totalmente cheas, e vemos unha recuperación total no ánimo das crianzas e os titores por este tipo de propostas».