O socialista Iván Puentes anuncia a adxudicación de “tres proxectos esenciais para embelecer, dinamizar e mellorar a calidade de vida dos barrios de San Roque, A Parda e Monte Porreiro”

221
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible destinará máis de 200.000 euros á renovación integral dos parques do Campo da Torre e Maruxa Mallo e á dotación dunha nova pista multideporte no da Praza de Europa

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, anunciou esta mañá a adxudicación de “tres proxectos esenciais para embelecer, dinamizar a vida social e mellorar a calidade de vida dos barrios de San Roque, A Parda e Monte Porreiro”. En concreto, o edil socialista comunicou que o seu departamento investirá un importe superior aos 200.000 euros “nunha serie de agardadas actuacións que se porán en marcha nas vindeiras semanas: en concreto, as obras de renovación integral dos parques do Campo da Torre e Maruxa Mallo e de creación dunha pista multideporte no da Praza de Europa”.


Así, neste novo lote de intervencións dirixidas á mellora de espazos verdes e á dotación de zonas de lecer infantil inclúese o orixinal proxecto deseñado polo arquitecto pontevedrés Víctor Hermo para a principal praza do barrio de San Roque, no que se combinarán estruturas de xogo, descanso e encontro veciñal, formuladas mediante a integración de elementos naturais como a madeira, o arboredo ou a plantación dunha árbore. Segundo explicou Iván Puentes, a obra, que tamén contempla a restauración e posta en valor da fonte existente, “conta cun orzamento de 88.886,36 euros e foi adxudicada á empresa Zona de Obra O Rosal SL, que ofertou unha baixa do 15,10% sobre o tipo da licitación, así como diversas melloras”. “A nosa intención -sinalou o concelleiro do PSOE- é devolver a plenitude da vida do barrio ao centro desta praza, coa dotación de elementos naturais e de mobiliario de primeira calidade”.


No caso do parque Maruxa Mallo, situado nas inmediacións do Conservatorio e do Centro de Saúde da Parda, trátase dunha actuación de mellora integral cun orzamento de 63.885,45 euros e que inclúe a restauración de elementos existentes, como o sistema de rega, a renovación dos camiños, a creación de zonas de estancia, a instalación de novo mobiliario, o incremento do arborado e a dotación de zonas de confort con sombra, cunha proposta paisaxística a base de planta arbustiva e de tempada variada. A execución dos traballos foi adxudicada á empresa PreZero, que ofertou unha baixa do 14,14% sobre o tipo da licitación, así como diversas melloras en mobiliario, varandas e pavimentos. “Con este proxecto -comentou Iván Puentes- pretendemos darlle a este parque, que xoga un papel primordial no lecer da rapazada e que constitúe un dos lugares de convivencia e socialización destacados deste barrio, a calidade que merece a veciñanza da Parda”.


No que atinxe á intervención que permitirá dotar ao parque da Praza de Europa dunha pista multideporte, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembrou que “se trata dunha demanda dos veciños, que contarán cun espazo no que poderán practicar fútbol, baloncesto ou balonmán”. Tal e como precisou o socialista, “este proxecto, que vén a sumarse á tirolina e ás pistas de petanca construídas durante este mandato e que amosa o noso decidido compromiso coa mellora do barrio, contempla ademais unha mellora paisaxística do parque e a dotación de diverso mobiliario, co que se pretende ir logrando que este parque, eixo da vida da urbanización de Monte Porreiro, acade un nivel óptimo”. A obra conta cun orzamento de 53.805,29 euros e foi adxudicada á empresa Garocaprim SL, que ofertou unha baixa do 10% sobre o tipo da licitación, así como diversas melloras en mobiliario”.


Un innovador deseño que lembra ao Giant’s Causeway de Irlanda do Norte

O proxecto que permitirá renovar paisaxísticamente a zona verde do Campo da Torre e dotala dun moderno parque infantil no que as árbores e os elementos naturais serán os protagonistas permitirá cambiar a faciana deste eixo de centralidade de San Roque, que pasará a dispoñer de amplas áreas de xogo, sombra, encontro social e descanso, coa instalación de hamacas e cadeiras de madeira, así como puntos de carga para dispositivos móbiles. A actuación, que inclúe a renovación da fonte existente coa creación de pequenas canles de auga arredor da mesma, contempla, como unha das súas características máis chamativas, a colocación de varias estruturas de trepa e de numerosos troncos de madeira de diferentes alturas, distribuídos dun xeito que lembra a nivel estético ás columnas de basalto de orixe volcánica que conforman a famosa paisaxe do Giant’s Causeway (Calzada do Xigante) de Irlanda do Norte.


No caso do proxecto de reforma integral do parque Maruxa Mallo, situado entre as rúas Diego Sarmiento Acuña, Virxinia Pereira e Pintora Maruxa Mallo, este traducirase na execución dun conxunto e actuacións de mellora paisaxística e da seguridade das zonas verdes e deportivas. A intervención suporá a optimización da seguranza no noiro existente a través da instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira, evitando caídas dos nen@s e adult@s que circulan polo contorno e xogan na cancha de fútbol, e na eliminación da contaminación acústica mediante o cambio do actual peche da devandita pista de fútbol por un pechamento anti sonoro ao longo de todo o perímetro (tamén se pintará a mesma e instalaranse novas porterías).