Rematadas o 90% das pezas de granito dos 11 módulos do skatepraza de Raiña Vitoria

38

Nove dos once módulos que terá o skatepraza de Raiña Vitoria están rematados e está en pleno proceso de fabricación os dous restantes que teñen maior dificultade técnica.

Están sendo elaborados por unha empresa graniteira da Lama, Graniver, por encargo do Concello de Pontevedra que iniciou esta semana a creación dunha plataforma única en Raiña Vitoria para a posterior instalación dos módulos desmontables.  

A empresa de granito Graniver, situada na Lama, ten practicamente rematadas as pezas de granito que comporán o futuro skatepraza que o Concello de Pontevedra comezou a crear esta semana na antiga avenida de Raíña Vitoria. Esta instalación deportiva terá 11 módulos, todos eles de granito e metal para os entronques co chan.

O proceso de creación das pezas arrancou traballando con bloques de pedra da Lama, de grandes dimensións (30 toneladas) e de gran dureza. Con eles fixéronse pezas máis pequenas elaboradas con cortes con fíos e discos de diferente tamaño. As pezas con curvas resultan as máis laboriosas porque se fan con sucesivos cortes para acadar a forma desexada.

Unha vez rematadas as pezas, reconstrúese o módulo no taller (tal como se montará en Raiña Victoria) e repásase manualmente para puír pequenas variacións entre pezas, así como para dar os remates ás aristas. Neste caso, a dificultade é maior dado que ao ter que ser desmontable hai módulos que están formados por 8 pezas que teñen que coincidir sen resaltos entre elas. 

Finalmente, númeranse as pezas e desmóntase para almacenar até a súa montaxe.

A día de hoxe están construídos 9 dos 11 módulos que terá o skatepraza. Os dous pendentes están en pleno proceso de fabricación xa que son os que teñen maior dificultade técnica.