Benestar Animal promove unha Xornada de Biodiversidade que se celebrará en Salcedo e que contará con expertos no lobo ibérico, o oso pardo cantábrico e outras especies de fauna silvestre e exótica

88
  • As charlas, organizadas pola Asociación Educativa Animais do Mundo (Aecam) en colaboración co Grupo Lobo, o Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (Geas) e a Asociación Herpetolóxica Española (Ahe) en Galicia, celebraranse o domingo 25 de setembro no centro social da parroquia
  • Os relatorios desenvolveranse en horario de mañá e de tarde e terán carácter gratuíto, con prazas limitadas sendo necesario reservar previamente a través do email info@aecamgalicia.com ou do teléfono 667 231 974

Expertos no lobo ibérico, o oso pardo cantábrico e outras especies de fauna silvestre e exótica protagonizarán o domingo 25 de setembro unha Xornada de Biodiversidade que se celebrará no centro social de Salcedo (Igrexa, 36C). As charlas contan co respaldo da Concellería de Benestar Animal de Pontevedra e foron organizadas pola Asociación Educativa Animais do Mundo (Aecam) en colaboración co Grupo Lobo, o Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (Geas) e a Asociación Herpetolóxica Española (Ahe) en Galicia, dispoñendo de servizo de intérprete de Lingua de Signos Española.


A asistencia a esta Xornada de Biodiversidade terá carácter gratuíto, con prazas limitadas, sendo imprescindible inscribirse previamente a través do email info@aecamgalicia.com ou do teléfono 667 231 974 (onde tamén poderán chamar para informarse). Os relatores participantes serán: Jesús Criado, secretario xeral do Grupo Lobo e naturalista especializado no lobo ibérico; Martín Carral, técnico superior en Xestión Forestal, voluntario do Grupo Lobo e naturalista especializado no oso pardo cantábrico; Xosé Pardavila, do Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (Geas) e biólogo especializado en mesomamíferos; César Ayres, responsable da delegación da Asociación Herpetolóxica Española en Galicia; Roberto Díaz, secretario de Aecam e técnico en Educación Ambiental especializado en fauna exótica e silvestre, e Pablo González, biólogo especializado en aves e técnico de centros de recuperación de fauna silvestre e colaborador de Aecam.


Tal e como sinala o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, “os relatorios darán comezo ás 10:30 horas e a clausura da Xornada terá lugar arredor das 19:00 horas”. “Roberto Díaz falará ás 11:45 horas sobre ‘Biodiversidade invisible: pequenos grandes aliados’, Xosé Pardavila sobre ‘Os outros carnívoros’ ás 11:50 horas, e Pablo González sobre ‘Aves: principais ameazas e estratexias de conservación’ ás 12:40 horas. Xa pola tarde -avanza o edil do PSOE-, ás 16:30 horas, Jesús Criado centrarase na ‘Problemática e xestión do lobo en Galicia’, César Ayres en ‘Anfibios e reptís de Galicia: situación e ameazas’ (a partir das 17:20 horas) e Martín Carral en ‘Bioloxía e ecoloxía do oso pardo cantábrico e situación en Galicia’ (ás 18:10 horas)”.