Santa Clara acolle a xornada de traballo da Alianza Libre Europea ao seu paso por Pontevedra

50
O alcalde inaugurou e participou no segundo panel da conferencia ‘Europa dos pobos’ sobre experiencias de transformación no local como exemplos de boas prácticas 
A delegación parlamentaria sumou máis de corenta persoas e tamén participaron os alcaldes de Bastia e Allariz, Pierre Savelli e Cristina Cid 

De novo, Santa Clara foi escenario dun encontro de relevancia para a cidade de Pontevedra. Unha numerosa delegación da Alianza Libre Europea celebrou neste espazo unha xornada de traballo do grupo parlamentar europeo co fin de analizar e afondar na importancia da construción da ‘Europa dos Pobos’.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, participou de xeito activo nesta xornada, sendo a primeira voz en falar dentro do programa da mesma. O alcalde agradeceu a presencia de toda a delegación e subliñou a idea e o obxectivo de seguir traballando co fin de crear un mundo mellor, coa base na toma de «decisións políticas valentes», tal e como faría fincapé durante o segundo panel expositivo, que compartiría co alcalde de Bastia, Pierre Savelli, e coa alcaldesa de Allariz, Cristina Cid.

O primeiro panel, baixo o título ‘Europa dos pobos dende o local’, tratou das situacións transfronteirizas en Europa’ e contou coa participación de Lois Pérez Castrillo, Lorena López de Lacalle e Jordi Solé; sendo moderado por Ana Miranda, portavoz do BNG no Parlamento Europeo.

Doutra banda, e aproveitando a visita da delegación, está previsto que os parlamentarios e parlamentarias realicen unha visita a pé pola cidade esta tarde de martes para poder coñecer in situ o modelo urbano de Pontevedra a través das explicacións guiadas dos concelleiros da cidade.