O Placemaking Week Europe organiza na cidade máis de 100 actividades e conferencias sobre o futuro das cidades

118
Do 27 ao 30 de setembro a Boa Vila acollerá vinte e unha conferencias maxistrais, máis de oitenta actividades paralelas entre as que se atopan obradoiros, paneis, visitas, exposicións, intervencións, presentacións, concertos, sesións deportivas, xogos…, e a participación de máis de setenta relatores de diferentes países.
Todas as actividades que se desenvolvan na praza do Teucro serán de libre acceso e abertas á cidadanía. O programa completo pode consultarse en https://placemaking-europe.eu

As novas tendencias de participación para a creación de cidades máis humanas debateranse a próxima semana, do 27 ao 30 de setembro, en Pontevedra, no marco da Placemaking Week Europe, o maior encontro-festival europeo sobre desenvolvemento urbano e transformación do espazo público.

Durante catro intensas xornadas, a Boa Vila acollerá vinte e unha conferencias maxistrais, máis de oitenta actividades paralelas entre as que se atopan obradoiros, paneis, visitas, exposicións, intervencións, presentacións, concertos, sesións deportivas, xogos…, e a participación de máis de setenta relatores de diferentes países. Todo isto arredor de catro eixos temáticos: Economía creativa e da innovación; Burocracia creativa; Placemaking verde e azul; e Desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilentes.

A Placemaking Week Europe Pontevedra arrincará oficialmente a tarde do martes 27 de setembro co discurso de apertura que leva por título “A historia de Pontevedra: que nos trouxo aquí?“, onde o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, contará a historia da transformación de Pontevedra. Estará acompañado por Ramon Marrades, director de Placemaking Europe, así como polos placemakers José Chong, Vivian Doumpa e Hans Karssenberg.

Seguidamente, os supermoderadores Minouche Besters, Nate Storring, Jennifer Jiang, Robyn Bennett, Peter Smith, Carmen Mays e Charles Landry guiarán ao público asistente a través de preguntas chave sobre como podemos crear xuntos, durante os próximos tres días, mellores urbes. Cada un deles presentará o seu punto de vista sobre as cuestións máis urxentes que debemos abordar cando falamos do futuro das cidades. Os temas introducidos nesta sesión de apertura discutiranse logo en todas as conferencias do festival. 

Ademais, todos os días desenvolveranse diversas actividades opcionais, lentas e divertidas pola mañá e eventos emocionantes e exploratorios pola tarde-noite, para que os participantes na Placemaking Week Europe aproveiten ao máximo a súa estancia na cidade. 

Adoptando o enfoque do placemaking 

A xornada do mércores 28, abrirase con dúas conferencias no Teatro Principal centradas en como crear unha vida social boa e saudable nas cidades e en como cambiar a perspectiva dunha urbe co enfoque do placemaking.

O primeiro relatorio, Como o fan as cidades (ás 10.00 h), explorará as mellores prácticas innovadoras para integrar o placemaking nos marcos e métodos municipais. Escoitaremos a representantes das cidades de Pontevedra, A Haia, Helsingborg e Helsinqui, que están a levar a cabo con éxito transformacións que se centran na vida social pública e adoptan o enfoque do placemaking. Aprenderemos máis sobre as súas innovacións que consideran a co-creación e a participación nun contexto de desafíos universais como a vivenda alcanzable, a adaptación ao clima, a mobilidade sostible, a saúde pública ou a cohesión social.

A segunda conferencia, A transición climática xusta empeza no espazo público (ás 11.00 h), abordará o tema da necesidade do cambio. Necesitamos crear unha transición xusta que inclúa a todo o mundo e permita unha mudanza económica, social e ambientalmente sostible. E para iso, temos que traballar desde a base, transformando un espazo público cada vez para que sexa o mellor posible. Neste relatorio debateremos os pasos que debemos dar desde o punto de vista do deseño, a política e a sociedade para crear cidades nas que prosperar socialmente e en harmonía coa natureza. 

O programa continuará con tres bloques de sesións de traballo (de 12.15 a 13.30 h, de 14.15 a 15.30 h e de 15.45 a 17.00 h) nos que os participantes poderán escoller entre diversas actividades como paneis, presentacións, obradoiros, charlas… nas diferentes sedes da Placemaking Week Europe Pontevedra, que son o Teatro Principal, a Casa das Campás, Santa Clara, o Museo de Pontevedra e a avenida de Santa María. Dentro destas actividades, cómpre destacar a mesa redonda que se celebrará na praza do Teucro ás 12.15 h sobre as empresas de Pontevedra que son un referente internacional en deseño urbano. Non faltarán a esta cita representantes das firmas Edigal, Pontevedresa, Setga, Suites Nature e Formato Verde. O acceso será libre para toda a cidadanía, ao igual que a presentación que fará o Concello de Lugo ás 16.15 h na avenida de Santa María sobre o seu proxecto de recuperación do espazo urbano e as novas formas de habitar a cidade. Participarán neste acto Rubén Arroxo Fernández, primeiro tenente de alcaldesa e titular da área de Mobilidade e infraestruturas urbanas do Concello de Lugo, o xefe de servizo de Enxeñería, Pablo Fuentes Faílde, acompañados por Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Mobilidade de Pontevedra. 

Tras estas actividades paralelas, terán lugar dous relatorios máis. No primeiro deles, Cidade unida, cidade equitativa (ás 18.00 h, no Teatro Principal), escoitaremos a expertos dedicados a mellorar as nosas cidades mediante a construción de ecosistemas empresariais equitativos, o uso do deseño como ferramenta para fomentar comunidades sas e comprometidas, e o apoio ás reformas urbanas para que todos podamos estar xuntos no espazo público. 

Mais para lograr un cambio significativo e valioso nas cidades, necesitamos un sistema de apoio coherente e de varios niveis, tanto por parte dos municipios e os responsables da toma de decisións, que deben crer no obxectivo, como por parte dos residentes, que deben crer no ben común. Pero, como facer para que se produza o cambio, e que teña sentido? A esta pregunta tratarase de responder na conferencia Dar sentido ao cambio (ás 19.30 h, no Teucro).

Cidades mellores para todos 

O deseño da vida en común a través de enfoques centrados nas persoas para a creación de instalacións, normas e sistemas, e a dirección de proxectos de construción e desenvolvemento urbano con conciencia son os temas que abrirán as conferencias matutinas do xoves 20 no Teatro Principal.

Na disertación titulada Deseñando a vida en común: edificios, regras e sistemas (10.00 h), participarán relatores de varios campos con diferentes coñecementos que nos guiarán a través das capas urbanas que debemos ter en conta para crear xuntos cidades mellores: edificios, normas e sistemas. Se se consideran coidadosamente, tradúcense en compromiso cívico e prosperidade comunitaria nas contornas urbanas.

Mentres pensamos no espazo público e en como crear áreas urbanas vibrantes, debemos considerar quen ten os recursos e as ferramentas para desenvolvelas. Como podemos seducir as diferentes partes interesadas, públicas e privadas, para que funcionen non só economicamente, senón tamén socialmente e de forma sostible? No relatorio Desenvolvemento urbano a conciencia (11.00 h), examinarase non só o placemaking aplicado no desenvolvemento urbano, senón tamén como un enfoque centrado nos lugares (place-led) pode mellorar a capacidade das zonas urbanas para prosperar, ademais de como creamos as condicións para aliñar os obxectivos das diferentes partes interesadas para crear unha cidade mellor para todos. 

Pola tarde terán lugar outras dúas conferencias maxistrais sobre a creación de lugares transformadores a través do placemaking e o papel dos diferentes actores na creación de cidades mellores, máis inclusivas e resilientes. Na primeira delas, Placemaking transformador (ás 18.00 h, Teatro Principal), amosaranse tres exitosas transformacións levadas a cabo en Tirana, Milán e París baseadas no enfoque do placemaking. Nestas localidades, a convivencia, a escala humana e o interese de cada residente foron o centro das melloras a grande escala.

Na conversa posterior, Creando xuntos mellores cidades (ás 19.30 h, no Teucro), analizarase que é o que fai que as nosas cidades sexan habitables e amables. Os relatores compartirán a importancia de diferentes capas urbanas, tales como o xogo, a oportunidade de movemento, o benestar, o compromiso cívico ou o papel das institucións públicas. Debaterán sobre como animar á xente para saír e divertirse nos espazos públicos e como garantir neles unha sensación de comodidade para todos. Unha importante visión xeral do que marca a diferenza na forma en que experimentamos e sentimos as nosas cidades. 

Experiencias galegas

Igual que no día anterior, durante toda esta xornada terán lugar tres bloques de sesións, cada un dos cales ofrece varias opcións temáticas en diversos formatos. Dentro destas actividades, destacamos, pola súa importancia local, o coloquio que desenvolverá a Deputación da Coruña no Teucro ás 12.15 h. Baixo o título de Recrear o espazo público. A arquitectura e a creatividade como estratexia, contará coa presenza de Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico de Pontevedra; Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña; Maite Parga, técnica de Turismo do Concello de Carballo; e Xoana Almar, muralista da cooperativa cultural galega Cestola na Cachola. Conversarán sobre a arte pública como recurso para a recuperación de espazos degradados, unha iniciativa que se explora en diversos festivais artísticos con longa implantación na provincia da Coruña. No marco desta presentación, Xoana Almar e Miguel Peralta da cooperativa cultural galega Cestola na Cachola serán os encargados de intervir cun mural unha medianeira na confluencia das rúas de San Antoniño e Altamira.

Por outra banda, na avenida de Santa María, ás 16.15 h, o Concello da Coruña explicará o cambio que está a experimentar desde 2019 a cidade herculina en canto a mobilidade e xestión do espazo público. Participarán nesta presentación Francisco Dinís Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade da Coruña, e Antonio F. Alfeirán Rodríguez, director da área de Infraestruturas e mobilidade.

Retos locais 

Finalmente, o venres 30, ademais de extraer as leccións dos días anteriores, a xornada de traballo centrarase nos retos locais que poden conducir a resultados universais e innovadores. No Teatro Principal, ás 10.00 h, Gonzalo Méndez, técnico de emprendemento cultural da Fundación Paideia Galiza, e Gonzalo Maceira, director e coordinador do Estudo Bonobo, falarán sobre O impacto do emprendemento creativo nas cidades como oportunidade para a creación de emprego e o desenvolvemento de proxectos innovadores nas cidades.

Unha hora máis tarde, os arquitectos Carlos Pita, Guadalupe Piñeira e María Fandiño analizarán O papel da arquitectura contemporánea galega nos espazos públicos. E ás 12.15 h, a arquitecta Teresa Táboas, xunto a Joan Clos, exdirector executivo de ONU-Habitat, exalcalde de Barcelona, exministro de Industria e presidente de Agora. The New Urban Conversation, disertarán sobre o concepto de Transecto e o espazo rururbán e as conexións entre centro e periferia.

Tras outro bloque matutino de sesións en paralelo sobre experiencias locais e grupos de traballo, os participantes poderán asistir a algunha das catro visitas de campo programadas (de 14.00 a 17.00 h): Desmontar a fábrica de papel? Un futuro verde para a ría; Revivir o porto pesqueiro; Espazo público, traballo e vida. Como poden o espazo público e unha cidade a escala humana axudar a atraer e reter á xente para que viva e traballe na cidade?; e Transformación do convento nun espazo comunitario: usos, activación e gobernanza. 

Ás 17.00 h, retomarase a programación no Teatro Principal con dúas novas conferencias vespertinas. A primeira, sobre descarbonización e a bioeconomía circular, contará coa participación de Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo no campus Pontevedra, e Máximo Sáncez, CEO e fundador de AirCO2, e a colaboración de Ecobas (Centro de investigación interuniversitario das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo). Na segunda, que dará comezo ás 19.30 h, examinarase a perspectiva global do placemaking.

Finalmente, a praza do Teucro acollerá ás 19.30 h o último relatorio no que se explorarán cales son os maiores retos aos que enfrontarse, como placemakers, nun futuro próximo. O acto de clausura, ás 20.30 h, correrá a cargo de Miguel Anxo Fernández Lores e rematará cunha festa para celebrar as prazas públicas de Pontevedra.

A Placemaking Week Europe Pontevedra está organizada pola Fundación Placemaking Europe e o Concello de Pontevedra. O programa completo pode consultarse en https://placemaking-europe.eu.

Cómpre destacar que todas as actividades que se desenvolvan na praza do Teucro serán de libre acceso e abertas á cidadanía. Asemade, as conferencias maxistrais do Teatro Principal e do Teucro disporán de tradución simultánea á lingua galega.