A facultade da Boa Cidadanía Canina iniciará en novembro o seu terceiro curso académico

93
  • A Concellería de Benestar Animal de Pontevedra colabora co club de agility DivertiCans e a firma de educación canina Kesar’s nunha nova edición do curso ‘Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina’, que contará con 15 prazas para o grupo de cans adultos e 10 para o de cachorros

Formar e concienciar á cidadanía sobre as responsabilidades que implica o coidado das nosas mascotas, na busca dunha convivencia cívica entre humanos e animais, e impulsar promocións de cans e cadelas equilibrados e ben educados, son algúns dos principais obxectivos cos que a Concellería de Benestar Animal lanza a 3ª edición do curso ‘Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina’. Nunha iniciativa absolutamente pioneira a nivel nacional, as aulas poranse en marcha o xoves 3 de novembro e estruturaranse en dous grupos: un de cachorros (para cans entre os 3 e os 8 meses), cun total de 10 prazas, e outro de adultos (para de 8 meses en adiante), con 15 prazas.


O curso terá unha duración de tres meses (ata xaneiro de 2023) e as clases serán impartidas tódolos xoves de cada mes. “A de cachorros -explica o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey- desenvolverase en horario de 20:30 a 21:30 horas, sempre nas instalacións que o club DivertiCans ten no lugar de Couso (Lérez), mentres que a de adultos realizarase entre as 21:30 e as 22:30 horas e alternará o campo de Lérez con outros emprazamentos pola cidade. As aulas incluirán contidos prácticos e teóricos, asignando aproximadamente media hora a cada parte e remitindo aos alumnos os apuntes en formato pdf ou audiovisual”.


Tal e como sinala, “tralo éxito das primeiras edicións, a facultade da Boa Cidadanía Canina inicia en novembro un novo curso académico co que agardamos continuar nesta senda a prol dunha sociedade máis concienciada coa necesidade de manter un respecto ilimitado polos demais e cos deberes e responsabilidades que implica ter unha mascota”.


En ámbolos grupos impartiranse conceptos semellantes, se ben nas clases de cachorros prestarase especial atención á socialización, así como á prevención de calquera tipo de problema condutual. Poranse en marcha grupos de whatsapp coa finalidade de mellorar a organización das aulas (medio polo que se farán chegar os apuntes), recomendaranse lecturas durante todo o curso e en cada clase efectuarase un repaso do xa explicado.
Todas aquelas persoas e cans que desexen participar poderán anotarse de balde desde o luns 17 ata o luns 24 de outubro a través do enlace apuntate.pontevedra.gal (pódese solicitar máis información no teléfono de contacto 627 937 281).

GUIÓN DO CURSO:


Xoves 3 de novembro


Introdución e valoración dos cans.

Indicarase aos asistentes o material recomendado: arnés en forma de H ou Y. Correa de paseo de 2 metros, correa para traballar a chamada de 10 metros, mochila e tipos de premios a empregar.


Xoves 10 de novembro


Práctica: clicker e fío ou luring.

Teoría: a dominancia.


Xoves 17 de novembro


Práctica: target estático e dinámico.

Teoría: os instintos (prestando especial atención ao instinto de caza).


Xoves 24 de novembro 

Práctica: sentado e tumbado.

Teoría: órganos dos sentidos.


Xoves 1 de decembro


Práctica: quieto.

Teoría: comunicación canina I (escala de comunicación).


Xoves 8 de decembro


Práctica: non tirar da correa e traballo do xunto.

Teoría: comunicación canina II (escala de comunicación).


Xoves 15 de decembro


Práctica: a chamada I.

Teoría: o estrés e o medo I.


Xoves 22 de decembro


Práctica: a chamada II.

Teoría: o estrés e o medo II.


Xoves 29 de decembro


Práctica: o cobro.

Teoría: condicionamento clásico e instrumental.


Xoves 5 de xaneiro


Práctica: estimulación ambiental e propiocepción.

Teoría: habituación, inundación, desensibilización e contracondicionamento.


Xoves 12 de xaneiro


Práctica: agility.

Teoría: castigos e reforzamentos.


Xoves 19 de xaneiro


Práctica: olfacto.

Teoría: control polo estímulo e polo impulso.


Xoves 26 de xaneiro


Resumo, repaso, dúbidas e agradecementos.