Os paxaros máis fermosos exhibirán as súas cores e beleza nun Concurso Exposición Ornitolóxico que se celebrará esta fin de semana no Centro Cultural de Monte Porreiro

108
  • O evento, organizado pola Asociación Ornitolóxica Cultural e Deportiva de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, dará comezo na tarde do venres 21, abríndose ao público na tarde do sábado 22 e a mañá do domingo 23
  • Xuíces pertencentes á Federación Ornitolóxica Cultural e Deportiva Española (Focde) e xuíces internacionais portugueses serán os encargados de calificar nas categorías de Cor, Postura e Psitácidos

Os amantes dos paxaros poderán desfrutar esta fin de semana no Centro Cultural de Monte Porreiro (rúa Alemaña) do VI Concurso Exposición Ornitolóxico, un certame organizado pola Asociación Ornitolóxica Cultural e Deportiva de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. O evento dará comezo na tarde do venres 21 de outubro, coa recepción de exemplares (de 17:00 a 21:00 horas), destinándose a mañá do sábado 22 ao enxuiciamento das aves presentadas polos participantes (de 9:00 a 14:00 horas) e abríndose a mostra ao público tanto o sábado pola tarde (de 17:30 a 20:30 horas) como o domingo 23 pola mañá (de 10:00 a 12:00 horas, con clausura e entrega de exemplares ás 12:30 horas).


Un xurado calificador composto por xuíces pertencentes á Federación Ornitolóxica Cultural e Deportiva Española (Focde) e xuíces internacionais portugueses será o encargado de emitir as súas valoracións en tres categorías diferentes: Cor (Rafa Costas, Luís Viana e Adam Suárez García), Postura (Francisco Javier Moreira e José Cardoso) e Psitácidos (Carlos Macedo). Tal e como explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, “a calificación que emitan os xuíces será inapelable e haberá premios para aqueles exemplares que superen un mínimo de puntos (90 para optar ao primeiro, 89 para o segundo e 88 para o terceiro)”.


“Á marxe de que a ornitoloxía sexa un verdadeiro universo cun montón de seguidores, esta mostra é desa clase de actividades das que pode desfrutar público de tódalas idades e que non necesariamente saiba demasiado sobre estes animais. Animo a todo o mundo a achegarse ata Monte Porreiro para gozar coa fermosura e singularidade dalgúns destes exemplares, xa que as cores e a elegancia de moitos deles de seguro que os deixará boquiabertos”, avanza Iván Puentes.


Entre as especies que concursan inclúense diversos tipos de agapornis, cacatúas, gloster, arlequíns, ágatas, isabelas ou lipocromos.


Todos aqueles interesados poden obter máis información a través do sitio web www.ornitologiapontevedra.jimdo.com  ou do teléfono 633 03 71 01.