O Concello dá por finalizada a situación de prealerta por desabastecemento e auga e retirará as restricións a semana que vén

27
O caudal medio do Lérez no día de onte, 25 de outubro, foi de 17,9 m³/s, unha cifra moi afastada da situación vivida polo municipio nos últimos meses
A responsábel do Ciclo da Auga, Carme da Silva, tamén deu conta da avaría producida nunha tubaxe da fábrica de ENCE en Lourizán dentro da galería de servizo municipal 

A concelleira responsábel do Ciclo da Auga, Carme da Silva, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar das novidades ao redor da seca e o estado do río Lérez, no referido ao seu caudal. Tal e como estaba previsto, as choivas dos últimos días propiciaron un cambio a mellor no seu comportamento e na cantidade de auga que leva.

«O nivel do río subiu de forma importante. O caudal medio do río o 14 de outubro era de 1,8 m³/s e onte —25 de outubro— era de 17,9 m³/s, moi afastado da situación de prealerta», explicou Da Silva. «Neste intre o caudal era de 17,3 m³/s. Teremos que ver como evolucionan as choivas ao longo do mes de novembro e se o río mantén este nivel propio do outono e do inverno.»

Pola súa banda, o Pontillón do Castro tamén viu aumentada o nivel de auga almacenada. Pasou de estar ao 81,12 % da súa capacidade —o 10 de outubro— ao 86,67 % a día de hoxe. «Non imos utilizar os recursos do Pontillón namentres non teñamos a seguridade de que o río poida manter os seus niveis de auga de xeito constante», aclarou a edil. 

Con estes datos sobre a mesa, a concelleira responsábel do Ciclo da Auga propuxo na reunión co resto de concellos que se abastecen do Lérez desactivar a situación de prealerta por desabastecemento de auga, o que deriva tamén na eliminación das restricións que están vixentes polos distintos bandos de alcaldía. Tal e como estaba previsto no momento da comparecencia, os implicados nesta xuntanza ratificación a decisión, polo que a semana que vén Pontevedra volverá á normalidade neste eido concreto.

Porén, Da Silva quixo lembrar o valor da auga das reservas da mesma, sendo este un ben a valorar nos tempos actuais e futuros, polo que lle insta a seguir facendo un uso responsábel da auga a toda a cidadanía e a todas as empresas de Pontevedra. 

Avaría na tubaxe de abastecemento de ENCE dentro da galería de servizos

A concelleira responsábel do Ciclo da Auga, Carme da Silva, aproveitou a súa intervención para dar conta da avaría que a fábrica de ENCE en Lourizán ten nestes intres. Se ben neste momento o caudal do Lérez debería poder abastecer á factoría —ao cumprirse cos datos do caudal ecolóxico mínimo—, a volta da actividade non semella posíbel por mor da rotura da tubaxe de abastecemento dentro da galería de servizos.

A compañía informou desta situación ao Concello de Pontevedra o pasado 3 de outubro, solicitando a reparación de parte da canalización. A canalización de ENCE conta cunha tubaxe duns 10 quilómetros de longo, véndose afectado un tramo de algo menos de 400 metros. Segundo o establecido no informe técnico, a tubaxe dun metro de diámetro foi desprazada lateralmente da súa posición orixinal coa subida das mareas —a galería de servizos inúndase—, cando esta estaba baleira ao non poder captar auga, sufrindo danos no proceso ao non estar anclada como si estaba a tubaxe de titularidade municipal, que tamén percorre esta galería.

«A empresa precisa facer unha reparación ao longo de 380 metros de tubaxe. Estamos xa emitindo os correspondentes informes, e entendemos que é unha obra que ten carácter de urxencia pois pode afectar á rede municipal, ademais», sinalou da Silva. «A tubaxe rota e desprazada pode provocar danos nas outras e xa foron emitidos informes polas distintas áreas municipais —o primeiro ao segundo día desde a notificación—, estando agora pendente de chegar o informe de Costas da Xunta. O de Costas do Estado xa foi emitido, xunto con outras tramitacións. O orzamento que facilita ENCE para esta reparación é de 459.000 euros».

A concelleira quixo remarcar, tal e como recollen os informes municipais, que estas obras que realicen deben ter un carácter provisional, pois esta reparación «non pode ser a definitiva». «A tubaxe, segundo a memoria que nos remitiron, quedaría anclada no medio deste espazo trala intervención, pero isto deberá ser modificado nun futuro, xa que faría inviábel outras reparacións. A obra que realicen terá un carácter de emerxencia e agardamos que poidan resolver a situación, mais deberán presentar unha solución definitiva. A tubaxe non pode quedar no medio e medio da galería».