Pontevedra logra obter fondos europeos para os proxectos de rehabilitación de Churruchaos e do antigo conservatorio

67
O Concello consegue que as dúas actuacións presentados ao PIREP obteñan financiamento entre as máis de mil propostas remitidas polas administracións públicas
O financiamento destes fondos é superior ao cincuenta por cento e permitirá a mellora das dependencias  municipais, amais da creación dun laboratorio de creatividade na cidade 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou esta mañá da concesión de fondos europeos para dous proxectos da cidade de Pontevedra que foran solicitados dentro do Programa de Impulso Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP).

«Foi unha convocatoria, a primeira fase da mesma, que contou con 1.065 proxectos presentados polas administracións públicas. Foron concedidos 405 e deses, só 24 institucións contan con dous proxectos entre os elixidos; unha delas, o Concello de Pontevedra», explicou o rexedor. «Tivemos un cen por cen de éxito nesta concesión sendo estes a rehabilitación de Churruchaos e do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII»

Os proxectos entran, amais do da rehabilitación, nos eidos da eficiencia enerxética, da adaptación ao cambio climático a da mellora do espazo para traballadores e cidadáns. O orzamento manexado polo Concello para a actuación no antigo conservatorio é de 1.670.405 euros e o de Churruchaos 1.510.288 euros. O financiamento que ofrece o PIREP é algo superior ao cincuenta por cento.

Fernández Lores lembrou que no caso de Churruchaos a rehabilitación permitirá a creación de mellora das dependencias municipais, namentres que no caso do edificio da rúa Alfonso XIII o que se fará é un avance na dotación de espazos para impulsar a actividade económica en relación coa innovación e a creatividade a través da creación dun laboratorio da creatividade. «Pronto comezaremos a ter reunións coas entidades deste sector e adaptar o proxecto ás súas demandas. Comezaremos coa licitación dos dous proxectos en breve», sinalou.