Noites Abertas avanza na súa nova edición logo de recibir 135 propostas de actividades

47
Nesta fase de preselección, unhas 70 actividades pasaron o corte, polo que agora serán iniciadas as tarefas de contacto cos promotores e o perfilado das propostas 

O programa Noites Abertas, un dos máis coñecidos e populares dentro dos diversos ciclos anuais que programa o Concello de Pontevedra, continúa coa súa preparación e posta en marcha. O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, mantivo unha reunión coa técnica municipal de Xuventude, Mirian Viñas, xunto co director de Noites Abertas, Nacho Márquez, co fin de seguir traballando e concretando o programa deste ano.

Así, foron recibidas 135 propostas distintas por parte dos diferentes promotores —asociacións, particulares…—, das que preto de 70 pasaron a preselección. «O proceso que iniciamos agora, logo desta primeira escolma, é o contacto con todas as entidades, autónomos e profesionais para ir concretando horarios,  pechando datas de realización de actividades», explica Oubiña. «Coma sempre, queremos que o programa se poña en funcionamento a comezos do 2023».

Esta segunda edición de Noites Abertas trala pandemia marca o camiño dunha recuperación e unha reinvención do programa máis que interesante, «logo das complicacións que trouxo a crise sanitaria e as restricións». «Noites Abertas estivo á vangarda, facendo actividades por videoconferencia cando non podían ser doutro xeito; cando puido ser cun número de persoas reducido así se fixeron tamén, aproveitamos o espazo público… Sempre tratamos de buscar a mellor maneira e de darlle unha volta cando foi preciso. A xuventude así o precisa e así o fixemos».