Máis de trinta rapaces e rapazas chegadas de diversos países de Europa axudarán na creación dun mural no lugar dos Areás

28
É unha iniciativa enmarcada dentro do programa Erasmus+, promovida por Ticket to Europe e que procura achegar actividades formativas, colaborativas e interxeracionais
A rapazada visitante traballará man a man co artista Cuco Carrera e coa veciñanza da zona 

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou esta mañá, xunto a Ana del Valle, directora de Ticket to Europe, o proxecto artístico europeo que será iniciado en Pontevedra a partir do día 7 de novembro —e até o 16— e que contará coa presencia de mocidade de todo o Vello continente. 

O fin desta participación colectiva é traballar nun obradoiro no lugar dos Areás (Mourente) —onde se fai a Festa do Caldo—. «Será realizado un mural da man de Cuco Carrera que mellorará a contorna do lavadoiro», explica Oubiña. «Pretendemos que este proxecto estea asentado no chan, e xa mantivemos xuntanzas coa veciñanza do lugar, amais da asociación de veciños O Castro de Mourente. Promovida por Ticket to Europe, o Concello colabora ofertando o material que se vai empregar nesta actuación e, doutra banda, tamén está a colaboración de Autocares Rías Baixas, que ofrecerán o transporte a esta rapazada».

En total, preto de 30 rapaces e rapazas se achegarán até Pontevedra provenientes de cinco países da Unión Europea para gozar desta e outras actividades dentro do proxecto ‘Recreated Rural’. «Grecia, Italia, Portugal e Letonia, ademais de España, son os países que forman parte deste proxecto que está enmarcado dentro do programa Erasmus+, polo que todo o que se faga terán carácter educativo non formal, centrado no mural de Cuco, mesturando ideas, colaborando e traballando coa xente do lugar, procurando que sexa unha experiencia interxeracional», explicou Ana del Valle.