Os escaparates do comercio local póñense folclóricos para exhibir dez espectaculares vestimentas históricas galegas

22
  • O IV Roteiro de Traxes Tradicionais, organizado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Asociación Etnográfica, expón pezas de Muros, a Raia Seca, A Guarda, Lestedo, Muros e Santiago e inclúe panos de Manila isabelinos e modernistas datados entre 1870 e 1900
  • A mostra efémera poderá desfrutarse durante as vindeiras semanas nas vitrinas dos establecementos Entretelas, Mercería Anabeti, Pontetela, Tegal e Estilo Aramar

Os escaparates de diversos comercios téxtiles da nosa cidade volveron sacar o seu lado máis folclórico para exhibir as dez espectaculares vestimentas históricas que compoñen o IV Roteiro de Traxes Tradicionais, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas. Unha exposición efémera que converteu aos establecementos participantes en estancias dun museo etnográfico ao libre e da que clientes e viandantes poderán desfrutar durante as vindeiras semanas.


A mostra, na que se exhiben manequíns vestidos con traxes tradicionais de Muros, a Raia Seca, A Guarda, Lestedo, Muros e Santiago, inclúe panos de Manila isabelinos e modernistas datadas entre os anos 1870 e 1900. As pezas que a conforman son as seguintes:

  • Entretelas (rúa Peregrina, 54): traxe de Muros, traxe da Raia Seca e pano de Manila modernista ca. 1900
  • Mercería Anabeti (rúa Sagasta, 14): traxe de A Guarda
  • Pontetela (rúa Cruz Gallástegui, 5): traxe de Lestedo e pano de Manila isabelino tardío ca. 1870
  • Tegal (Praza de Barcelos, 28): traxe de Muros, traxe de Santiago e pano de Manila modernista ca. 1890
  • Estilo Aramar (rúa Antón Fraguas, 3): pano de Manila isabelino tardío ca. 1880

Unha ‘tournée’ protagonizada esta mañá pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, serviu para inaugurar a mostra, na que cada un dos comercios cedeu os seus escaparates para estes ‘convidados’ vestidos cos traxes tradicionais, con composición que tentan manter na medida do posible a liña estética e comercial do establecemento. Para Yoya Blanco, “este Roteiro xoga un importante papel de dinamización comercial en lingua galega, especialmente entre as firmas dedicadas ao téxtil, poñendo en valor a nosa indumentaria tradicional e fomentando o coñecemento de novos termos que moitos de nós non coñecemos”.


“Esta exposición efémera -subliñou a concelleira do PSOE- servirá para incrementar a afluencia de público nestes pequenos comercios do sector téxtil, axudando a visualizar os seus escaparates e oferta e converténdose nunha carta de presentación perfecta e unha publicidade gratuíta para todos eles. Ademais, esta iniciativa fai un grande labor didáctico, achegando o traxe tradicional ao público en xeral e aos nenos e nenas dos colexios de Pontevedra. Por iso, convidamos a todo o mundo a que se achegue a desfrutar desta mostra na nosa cultura popular e da nosa vestimenta tradicional. Tódalas pezas expostas son antigas ou reproducións fidedignas de pezas tradicionais”.