Paco parte rumbo a Valladolid para exhibir na Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) os talentos gastronómicos da cidade onde mellor se vive e come do mundo

217
  • A cidade estará presente neste salón, que se celebrará entre os días 17 e 20 de novembro e que é referente no turismo de proximidade con máis dun milleiro de destinos expostos, para posicionarse como capital española do turismo gastronómico e das infraestruturas verdes e azuis a través da marca Pontevedra Capital Gastro e a estratexia Pontevedra Flúe
  • Entre o material promocional que Turismo de Pontevedra levará á capital pucelana inclúese a segunda parte das peripecias de Paco, ese PTV que saca o chándal do armario para tentar poñerse en forma e que acaba sucumbindo ás tentacións dunha das cidades nas que máis difícil resulta facer dieta
  • Unha delegación pontevedresa encabezada pola concelleira delegada de Turismo, Yoya Blanco, e mailo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, viaxará a Valladolid para poñer en valor eventos como a Festa das Cunchas, o Avoa Fest, o Pontedetapas, o Campionato de Tapas de Galicia, o Pontealmorzo ou o Mestizaxes, así como os nosos principais proxectos loita contra o cambio climático e renaturalización de ríos e espazos naturais

Tras converterse nun auténtico embaixador do noso estilo de vida na pasada edición de Fitur, o xa célebre Paco parte agora rumbo a Valladolid para exhibir na Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) os talentos gastronómicos, riqueza medioambiental e patrimonial e beleza da cidade onde mellor se vive e come do mundo… E tamén na que resulta máis complicado poñerse a dieta. A través dunha nova peza audiovisual realizada por Fernando Portela e na que o noso célebre e sibarita protagonista percorre espazos tan emblemáticos como o parque das Palmeiras, o Mercado de Abastos, Santa María, Ruínas de Santo Domingo ou as prazas da Peregrina, A Ferrería, Méndez Núñez e A Leña, un Paco que volve sacar o chándal do armario e sae decidido a coidar a súa saúde e facer exercicio acaba sucumbindo ás inxentes e irresistibles tentacións culinarias dos nosos restaurantes e remata apoltronado nunha hamaca tomando un aperitivo mentres desfruta da praia fluvial do Lérez e exclama: “Que xeito de sufrir!”.


Este vídeo será un dos materiais promocionais que Turismo de Pontevedra presentará no salón de Intur coa finalidade de posicionar á nosa cidade como capital española do turismo gastronómico e das infraestruturas verdes e azuis, a través de dous proxectos esenciais como a marca Pontevedra Capital Gastro e a estratexia de loita contra o cambio climático e renaturalización de ríos e espazos naturais Pontevedra Flúe. Obxectivos cos que viaxará á capital pucelana unha delegación pontevedresa encabezada polos seus principais impulsores, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, e que este venres 18 poderán explicar en persoa no recinto de Feria de Valladolid (avenida Ramón Pradera, 3).


Tal e como subliña Blanco, “o traballo de posta en valor da nosa gastronomía, produtos e cociñeiros que levamos a cabo ao longo deste mandato a través de Pontevedra Capital Gastro permitiunos posicionarnos como modelo a seguir no que atinxe a turismo gastronómico e, sen dúbida, é algo do que podemos sacar peito nesta Feira de Intur, que se celebrará entre os días 17 e 20 de novembro e que é referente no turismo de proximidade con máis dun milleiro de destinos expostos”. “Somos unha potencia no eido da gastronomía e non hai outro lugar, nin en España nin no resto do mundo, que conte cuns produtos do mar e do campo con tanto sabor e calidade. O único que quedaba por facer para situarnos no mapa do gastroturismo era poñelos en valor e coido que estamos a lograr grazas a eventos como a Feira das Cunchas, xa consolidada co seu Mercado e coa Batalla das Cunchas; o Avoa Fest, co que recuperamos as receitas e verbenas dos nosos avós e avoas; o clásico Pontedetapas e a fantástica experiencia que tivemos co Pontealmorzo; o Entroido Gastronómico; o Campionato de Tapas de Galicia, organizado en colaboración coa Academia da Tapa e do Pintxo, ou o Mestizaxes, no que puidemos degustar as mellores cociñas de fóra asentadas na cidade. A isto hai que engadirlle iniciativas tan pioneiras como a incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos Capital Gastro Lab”, sinala a concelleira do PSOE.


Asemade, Pontevedra tamén quere aproveitar a súa presenza en Intur para asentar o seu posicionamento e aposta polo modelo de cidade verde e azul, fundamentalmente dando a coñecer a vintena de actuacións de renaturalización, reverdecemento e loita contra o cambio climático incluídas dentro da estratexia Pontevedra Flúe. Segundo apunta Iván Puentes, “entre estas intervencións, valoradas en máis de 20 millóns de euros e das que moitas delas xa contan con financiamento de fondos europeos, contémplanse algunhas en marcha ou a punto de iniciarse, como a restauración da vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, a renaturalización do treito do río dos Gafos que discorre entre A Tablada e Rosalía de Castro, a construción do primeiro parque de xogos de auga da cidade; outras que se están a tramitar e que xa contan con financiamento, como a rehabilitación dos salóns do Lérez, a mellora paisaxística e ambiental do parque de María Vinyals ou a restauración da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras, e outras en fase de anteproxecto, como o plan para controlar o Valdecorvos mediante lagoas artificiais e acabar coas inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo ou o proxecto que permitirá crear zonas de estar e acceso á auga nos contornos do Pavillón dos Deportes e a Illa das Esculturas”.

Poden desfrutar do vídeo promocional a través do seguinte enlace: