Un novo Camiño Violeta impulsado por Asampo e a Concellería de Igualdade lembrará este domingo ás 38 mulleres e á nena de 6 anos asasinadas este ano en España a mans do terrorismo machista

80
  • O roteiro reivindicativo organizado co gallo do 25N estará aberto a todas aquelas persoas que desexen participar, discorrerá por un circuíto adaptado, partirá ás 11:00 horas da Praza de España e percorrerá diversas rúas e prazas do centro da cidade, rematando coa lectura do Manifesto contra a Violencia de Xénero
  • O itinerario, que tamén será completado o luns 28 ás 10:00 horas por un grupo de 50 alumnos e alumnas dos IES Sánchez Cantón, A Xunqueira I e Luis Seoane, estará sinalizado por 39 frechas de cor violeta cos nomes e idades das vítimas, así como co día e lugar do seu asasinato

Coincidindo coa semana do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) volverá reeditar este domingo 27 de novembro o Camiño Violeta, un roteiro urbano adaptado cunha contundente mensaxe reivindicativa: o itinerario estará sinalizado por 39 frechas de cor violeta cos nomes das 38 mulleres e da nena de 6 anos (a pequena Mariya) asasinadas este ano en España a mans do terrorismo machista, os anos que tiñan cando as mataron, a data do feminicidio e a localidade na que aconteceu. A andaina partirá ás 11:00 horas da Praza de España, estará aberta a todas aquelas persoas que desexen participar e discorrerá por un circuíto adaptado, percorrendo unha distancia dun kilómetro e 700 metros por diversas rúas e prazas do centro da cidade.


En concreto, o Camiño Violeta pasará polos seguintes espazos: Michelena, Fernández Villaverde, Soportais, Praza da Ferrería, Paseo de Antonio Odriozola, Laranxo, Praza da Leña, Padre Sarmiento, Gregorio Fernández, Praza da Pedreira, César Boente, Serra, Celso García de la Riega, Rúa da Ponte, San Telmo, Praza do Peirao, Galera, Arcebispo Malvar e regreso á Praza de España. Ao remate da camiñada, farase lectura do Manifesto contra a Violencia de Xénero, na voz de Matilde Pache Pérez-Mirás, estudante do IES Sánchez Cantón de 16 anos, e pedirase un minuto de aplausos en lembranza de tódalas vítimas do machismo.

Segundo avanza a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “un grupo duns 50 alumnos e alumnas dos IES Sánchez Cantón, A Xunqueira I e Luis Seoane uniranse tamén ao Camiño Violeta o luns 28 de novembro, saíndo da Praza de España ás 10:00 horas”, xa que as frechas que sinalizarán o itinerario quedarán instaladas durante esta xornada (de xeito que se alguén non pode asistir á camiñada do domingo no horario das 11:00 horas, tamén poida completar o percorrido noutro momento). “As frechas que marcarán este Camiño Violeta e que lle poñen nome á máis triste e brutal das estatísticas foron confeccionadas nestes días polos membros de Asampo no seu taller da Casa Azul. Sinalizarán un itinerario que nos estremece e que desperta a máis profunda das rabias, con nomes como o da pequena Mariya, asasinada o pasado 6 de novembro coa súa nai en Móstoles. Agardemos non ter que sumar ao percorrido nin unha soa frecha máis. Un ano máis saímos ás rúas para amosar que estamos fartas de gardar silencio ante os asasinatos machistas”, asegura a edil do PSOE.