Modelos peludiños de catro patas comparten calendario solidario cos nosos bombeiros

103
  • O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, apadriña o acto de presentación do calendario impulsado pola Asociación Cultural Deportiva Bombeiros de Pontevedra co obxectivo de recadar fondos para a protectora Os Palleiros e promover as adopcións
  • Os almanaques, protagonizado por 12 dos 92 cans que acolle o refuxio de Campañó, poderán adquirirse este sábado 17 a un prezo de dez euros no mercadillo solidario que o colectivo que xestiona a canceira instalará na Praza de Ourense entre as 11:00 e as 20:30 horas

‘Top models’ peludiños de catro patas ‘roubarán’ este ano un pouco do tradicional protagonismo que os axentes do servizo de extinción de incendios soen acaparar nos calendarios solidarios que emerxen nestas datas. A iniciativa da Asociación Cultural Deportiva Bombeiros de Pontevedra, 12 dos 92 cans que acolle a canceira municipal exhiben os seus encantos nun almanaque que se pon á venda co obxectivo de recadar fondos para o colectivo Os Palleiros, responsable da xestión do refuxio animal, e de promover as adopcións.

Este tenro calendario de 2023, que poderá adquirirse este sábado 17 de decembro por un prezo de dez euros no mercadillo solidario que o colectivo de recollida de cans abandonados celebrará na Praza de Ourense entre as 11:00 e as 20:30 horas (en caso de choiva, será nos Soportais da Ferrería), foi presentado esta mañá nas instalacións de Campañó nun acto que estivo apadriñado polo concelleiro de Benestar Animal, o socialista Marcos Rey, e no que participaron a voceira de Os Palleiros, Gloria Cubas, e tres membros da Asociación de Bombeiros, entre eles o seu presidente, Nabor Vázquez. As instantáneas dos bombeiros con estes afectuosos modelos foron captadas polo fotógrafo Miguel Vidal no propio Parque Municipal e na praia de Lourido.


Os protagonistas deste almanaque solidario son Horus (3 anos), Galán (1), Agustín (7), Nexa (6), Travis (9), Chuspi (3), Deep (4), Hex (5), Dolfo (10), Selva (9) e os irmáns Rolo e Turbo (de 2 anos). A súa historia, data de nacemento e características físicas e de personalidade aparecen recollidos na contraportada.


Nabor Vázquez animou a toda a cidadanía a facerse con este calendario,”que se fixo con pouco tempo, pero que quedou de marabilla”, no mercadillo solidario (os Bombeiros estarán alí pola tarde), en Crossfit Turoqua e na cervexería Blackbird. O presidente do colectivo de Bombeiros destacou o ben que se comportaron os cans durante as sesións fotográficas, que lles serviu “para saír da canceira, xogar e desfrutar da praia”. Unha “experiencia para repetir” cuxos beneficios irán destinados na súa meirande á protectora e tamén para que a Asociación financie o almanaque e outros proxectos que teñen previstos para o 2023.


Marcos Rey agradeceu a este colectivo recentemente conformado “unha iniciativa moi bonita para axudar a Os Palleiros e aos cans que temos na protectora de Pontevedra”, nun momento “no que as adopcións están ademais un pouco ralentizadas con respecto a outros anos”.


Neste sentido, Gloria Cubas amosouse convencida de que “deste calendario sairá sen dúbida algunha adopción” e apuntou que a canceira ten nestes intres 92 cans en acollida (fronte aos 70 do ano pasado), polo que “subiu o nivel de ocupación e baixaron as adopcións con respecto a 2021”. “Neste período de Nadal -lembrou a voceira de Os Palleiros- decidimos parar as adopcións, porque os cans non son regalos e moita xente vén aquí dicindo que quere un can para regalar. Á marxe de que nós non damos cans en adopción para regalar en ningunha época do ano, agora as paralizamos para evitar os problemas doutros anos, nos que nos atopamos con moitas devolucións de animais adoptados. É posible que as adopcións descendesen porque nós somos máis esixentes coas entrevistas que facemos. Os cans non son xoguetes. Hai ocasións nas que temos que comprobar en que lugar van estar os cans e, se non nos convence, pois dicimos que non. A xente vén a interesarse. A semana pasada viñeron tres persoas e as tres recibiron un ‘non’ rotundo”.