A nova ordenanza dos taxis de Pontevedra recollerá tres tarifas distintas, figurando entre elas a do futuro Coche de Punto

118
Ademais da ordinaria, que pode ser actualizada en base ao IPC, aparece unha nova tarifa de destinos fixados que podería incluír prezos fixos para desprazamentos a espazos concretos coma os aeroportos, por exemplo
O Concello de Pontevedra agarda que antes do verán o novo servizo de transporte a demanda sexa unha realidade no municipio 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, mantiveron esta mañá unha xuntanza co representante da asociación provincial dos taxis, Javier Filgueira, e o representante da asociación local de taxistas, David Suárez, co fin de presentar a nova ordenanza do taxi para a cidade de Pontevedra.

«Trátase dunha ordenanza pioneira e que se está a elaborar para incluír dentro da mesma o Coche de Punto, a posibilidade de que os taxistas poidan realizar ese servizo impulsado e subvencionado polo Concello de Pontevedra», explicou o rexedor. «A partir desta modificación que foi creada de xeito conxunto, teremos unha ordenanza na que terá cabida legal esa nova situación que trae o Coche de Punto, xunto con algunha novidade máis».

Nese sentido, o alcalde sinalou que o novo documento recolle a tarifa ordinaria —que pode ser actualizada en base ao IPC, sendo a súa última subida no ano 2020, e non está contemplado aumentala nin este nin o próximo ano—, outra tarifa para o coche do punto e a demanda, e outra tarifa para destinos fixados —como por exemplo os aeroportos, porén, aínda non están pechados cales e os taxistas poderán entrar dentro desta de xeito voluntario—.

«Hai tempo que decidimos que a solución do transporte no rural de Pontevedra non pasaba por ver autobuses circulando con unha ou dúas persoas, por iso o transporte a demanda semella ser moito máis racional, dá unha solución a un problema de mobilidade e é máis económico», comentou Lores. «Queremos, desde o Concello, agradecerlles as distintas asociacións de taxistas a súa colaboración. Isto é unha ordenanza que satisfai a todas as partes. É necesario que as cidades teñan unha flota de taxis. A día de hoxe en Pontevedra non hai dúbida sobre iso, sobre como e por onde poden circulan polas rúas, saben que teñen prioridade e poden acceder a onde precisen pois están traballando, namentres seguimos evitando o tráfico de paso e de axitación —o que busca aparcadoiros—».

A ordenanza está pendente dun último estudo, o de demanda, e agarda ser levada ao pleno ordinario de xaneiro para ser aprobada de xeito inicial. Posteriormente será aberta a fase de exposición pública, e logo será aprobada definitivamente. Na práctica, o Concello estima que na práctica logo deberán ser asinados dous convenios: un de xeito colectivo cos taxistas, onde a Administración local aportará a ferramenta de xestión e os taxistas a central de reservar; e logo un convenio individualizado cos taxistas que queiran sumarse ao servizo.

«Desde a asociación de taxis de Pontevedra simplemente queremos dar as grazas ao Concello de Pontevedra polo trato recibido», comentou Javier Filgueira. «É certo que isto é algo pioneiro, polo que imos aportar todo pola nosa banda para que saia adiante este servizo, e imos traballar para que así sexa. Para nós é traballo, e iso é o que nós necesitamos».