O Ganapán regresa esta fin de semana con receitas para os máis larpeiros e un universo de fantasía con fadas voadoras e variñas máxicas

17
  • O programa de lecer infantil impulsado no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica celebrarase tanto o sábado 21 como o domingo 22 en horario de 11:30 a 13:30 horas

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado no Gastroespazo do Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica, regresa esta fin de semana cunha proposta que combina deliciosas receitas para os máis larpeiros e un universo de fantasía con fadas voadoras e variñas máxicas. Así, entre os talleres deseñados para o sábado 21 e o domingo 22, que se desenvolverán en horario de 11:30 a 13:30 horas, inclúense obradoiros de elaboración de saborosas madalenas rechas de chocolate e de delicados bombóns tiramisú (un doce ‘molto delizioso’ procedente de Italia e que alí se coñece como tartufo tiramisú).

Ademais, segundo avanza a concelleira socialista Yoya Blanco, “os nenos e nenas de 4 a 10 anos que participen no Ganapán tamén terán tempo para xogar cun mundo máxico de fadas e cunhas variñas de brillantes diamantes para enfeitizar a quen pase por diante”. “Todos aqueles rapaces e rapazas que desexen asistir -lembra a edil do PSOE- deberán reservar praza previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, indicando no email posibles alerxias ou intolerancias. Como sempre aconsello: que ninguén esqueza a súa friameira para levar a casa as receitas cociñadas”.