O Concello recibe unha petición co fin de reactivar a urbanización da finca do Teucro e crear un novo espazo urbano na cidade 

62
Trátase dun espazo situado entre as rúas Arcebispo Malvar e a avenida de Uruguay (Unidade de Actuación 5), e abriría á porta á posibilidade de construír máis de 150 vivendas
Doutra banda, foron notificadas diferentes solicitudes para a creación de novos edificios na cidade en distintos puntos, como Echegaray, travesía da Eiriña ou Arquitecto de la Sota 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira. A maiores dos asuntos tratados na orde do día da mesma, a Gulías quixo expoñer, dentro do eido urbanístico da cidade, algúns movementos de relevancia que teñen que ver co crecemento da Boa Vila e a proxección de novas construcións residenciais.

«Este primeiro mes do ano remata cunha moi boa nova para este Concello, como é a reactivación da urbanización da Unidade de Actuación 5 (UA 5), máis coñecida como a finca do Teucro», sinalou a portavoz. «Sabedes que foron varios os intentos de ampliar a cidade por esta zona e proceder coa súa urbanización, e tendo en conta o que está a acontecer, pandemia polo medio, é moi positivo comprobar que hai movemento ao redor desta parcela».

Así, este xaneiro entrou en Rexistro a proposta de proxecto de urbanización para as zonas verdes e espazos comúns nesta parcela. «O proxecto de urbanización é o proxecto básico e imprescindíbel para poder construír e dar licenzas dentro deste eido, o que podemos valorar como un paso adiante, pendente dos informes sectoriais do Concello».

Gulías puido amosar os planos do proxecto inicial, se ben xa adiantou que é máis que probábel que este sexa modificado ou reciba algúns cambios no futuro. «Sexa como for, podemos falar dun novo espazo público para a cidade, xunto cun pequeno equipamento deportivo, unha pista de xogo, no corazón da cidade, de 3.070 metros cadrados», explicou a edil. «Este espazo estará rodeado das viais perimetrais, que contarían cun tamaño de 4.189,33 metros cadrados».

O proxecto, tal e como explicou Gulías, contaría con 5 parcelas edificables. O Concello, ademais, pasaría a ser o titular do espazo común xa sinalado, a dunha parcela máis pequena, tamén edificable, que tería unha superficie de 1.894,34 metros cadrados. «Estas parcelas terían un aproveitamento total de 18.943,43 metros cadrados o que, de xeito aproximado, e lembrando que non hai proxectos como tal para estas parcelas, sendo isto unha estimación en base aos criterios de altura dos edificios de Pontevedra, poderíamos falar de entre 180 e 190 vivendas que poderían ser creadas nesta finca do Teucro».

Desde o Concello indícase o importante que sería a activación deste espazo e o impulso dinamizador que tería en toda a zona, tanto económica como social. O proxecto de urbanización presentado conta cun orzamento de 1.126.642,22 euros e foi presentado pola Sareb. 

Novos edificios de vivendas en distintas zonas da cidade

Seguindo coas novidades de carácter urbanístico, a portavoz do Goberno quixo presentar algunhas solicitudes de licenzas para a construción de novos edificios de vivendas na Boa Vila. 

Dentro destas solicitudes aparece unha para a rúa Echegaray, 22, no que está prevista a demolición do edificio actual e a construción dun novo de 6 alturas contando 17 alturas, cun custe próximo aos 3 millóns de euros. «É un edificio importantísimo, xa que seguiría nesa idea de completar a rúa, ao igualar e ocultar as medianeiras dos edificios que rodean á construción actual».

Doutra banda, outra futura edificación estaría situada na travesía da Eiriña, se ben daría tamén para a rúa Joaquín Costa, que prevé demoler dous inmobles da primeira (os bloques 18 e 20) e crear 10 novas vivendas. A esta futura nova edificación tamén se lle sumaría unha máis na rúa Arquitecto de la Sota, que demolería o bloque número 3, para crear sete vivendas e un baixo comercial.