A rehabilitación da Casa Consistorial avanza «a bo ritmo» coa instalación do ascensor que lle outorgará accesibilidade universal 

47
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o ‘novo’ edificio contará con dous tipos de circulación, creando espazos diferenciados de traballo e outros para o público xeral 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira de Réxime, Anabel Gulías, e o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, realizou esta mañá de mércores unha visita á Casa Consistorial do Concello de Pontevedra, que continúa a súa rehabilitación e reforma «con normalidade e a bo ritmo».

A representante e socia do estudio U+A, Gracia Amandi, xunto co arquitecto municipal, deron conta do estado actual desta actuación que devolverá á vida a un dos edificios máis emblemáticos da Boa Vila, ofrecendo un novo espazo para a convivencia e a veciñanza. 

Dentro das novidades máis evidentes e visibles dentro do edificio figura a instalación do ascensor, o elemento que permitirá un uso universal deste lugar, e que unirá todas as plantas do edificio concedéndolle esa accesibilidade da que até agora carecía. «Até este momento a maioría dos traballos foron de reforzo de estruturas», indicou o alcalde. «A partir de agora veremos como vai mudando e embelecéndose o interior, collendo forma de cara ao que atopará a veciñanza no seu interior o día de mañá. A distribución coa que se está traballando de espazos permitirá dous tipos de circulación: unha, a que poderíamos considerar pública e institucional, e outra de traballo, para os funcionarios que aquí teñan as súas oficinas de traballo».

«É certo que o proxecto está moi avanzado, pois as decisións arquitectónicas xa están todas tomadas e agora é o momento de poñerse cos remates, que levarán o seu tempo. Sei que un sempre quere dar unha data concreta, pero é difícil sabelo. A previsión da obra era dun ano e de momento imos en prazo. Imos pensar que para despois do verán», sinalou Lores.